O BNG de Castroverde pide que a Xunta e o Estado asuman as competencias do servizo de axuda no fogar
O BNG de Castroverde levará a pleno unha moción para solicitarlle tanto a Xunta de Galiza como o Estado que asuman as competencias da axuda no fogar (SAF). O Servizo de Axuda no Fogar é un dos dereitos incluídos na Lei de dependencia e foi concibido como un servizo de titularidade pública e de xestión municipal.
O financiamento deste servizo foi contemplado a partes iguais entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas, admitíndose un copago das persoas beneficiarias en función de renda e patrimonio. “Desde a implantación deste servizo no concello de Castroverde aumentaron o número de usuarios deste servizo a día de hoxe consígnanse 900.000 euros do seu orzamento municipal de 3 millóns de euros para este servizo básico” explica Iria Castro.
Piden que a Xunta e o Estado se fagan “cargo desta carga económica insostible para a maioría do concellos e o de Castroverde non é unha excepción”, ademais de ser unha “competencia que non lles é propia”. Por iso, instan ao Goberno de Castroverde así como aos concelleiros do PP “que voten a favor desta iniciativa e así reclamar que tanto a Xunta como o Estado se fagan cargo do financiamento íntegro do servizo de axuda no fogar”, concluíu Castro.