O BNG de Castroverde propón a municipalización do SAF

LugoXa
O BNG esixe información ao goberno municipal sobre que medidas se están aplicar ante a problemática coa empresa adxudicataria.
castroverde concello
23 Xuño 2021

O BNG de Castroverde solicita ao goberno municipal que aclare a situación do Servizo de Axuda no Fogar ante a súa inestabilidade e propón a municipalización deste servizo.

A empresa adxudicataria do SAF Asistencia Castroverde comunicou ás traballadoras o impago de salarios e o peche da empresa, polo que queda nun baleiro neste momento tanto o servizo como o futuro laboral das traballadoras e traballadores. Hai que destacar que esta empresa xa tivo problemas recentemente sobre un suposto caso de explotación laboral cando xa estaba prestando o servizo ao Concello de Castroverde.

Neste senso, a portavoz municipal do BNG en Castroverde, Iria Castro, insta ao goberno municipal a que dispoña de información tanto ás traballadoras e traballadores como á oposición de cales son as medidas que está executando o gobeno municipal ante esta problemática, con énfase no futuro laboral das traballadoras e traballadores.

Iria Castro declarou “é inaceptábel a desatención por parte do goberno municipal coas traballadoras e traballadores do SAF, está deixando na máxima precariedade ás traballadoras e traballadores como o propio servizo do que dependen tantas persoas para poder conciliar e ter unha vellez digna”.

Iria Castro fixo fincapé en que a única maneira de garantir a calidade e a estabilidade do servizo é municipalizar de novo o servizo “no vindeiro pleno seguiremos insistindo que o SAF volva a ser público, vése que a privatización non é a fórmula para garantir un servizo público de calidade”.

0.19545102119446