O BNG de Castroverde propón converter inmobles municipais en vivendas de alugueiro social

O grupo municipal do BNG de Castroverde levará ao vindeiro pleno dúas mocións que recollen demandas da veciñanza: a mellora do servizo de limpeza municipal e tamén a utilización de inmobles municipais sen uso para destinalos a vivendas de alugueiros sociais.
"Estamos no ecuador do mandato e dende o BNG observamos que non só non se está cumprindo o programa electoral do PSOE, senón que o equipo de goberno de Castroverde obvia en todas as súas accións o maior problema do concello: a perda de poboación acelerada que José María Arias non foi quen de frenar e tampouco pon os medios necesarios", explican.
Dende o BNG din que esta iniciativa é "positiva para que o concello asente poboación, e temos que poñer os medios", por isto levan unha moción que pide utilizar colexios municipais como o de Bolaño e transformalo en vivendas de alugueiro social, "que poden ser de moita axuda para a independencia da mocidade ou tamén poderían valer para persoas en situación de exclusión social".
Así, explican que "a política de vivenda é competencia exclusiva da Xunta de Galicia, pero recollemos a experiencia de gobernos municipais do BNG, como a Pobra de Brollón, que con axuda de outras administracións levaron a cabo actuacións en varias escolas e hoxe téñenas ocupadas e revitalizan varias aldeas", concluíu Iria Castro.