O BNG de Cervantes chama á mobilización para denunciar a falta de persoal médico en San Román

LugoXa
A formación convoca unha concentración este xoves día 5 diante do centro de saúde para reclamar á Xunta a cobertura urxente e estable das prazas médicas
asemblea-Concello-de-Cervantes
2 Feb 2026

O BNG de Cervantes convocou unha concentración diante do centro de saúde de San Román para este xoves día 5, tras a celebración dunha asemblea veciñal que tivo lugar o pasado venres 29 de xaneiro, coa intención de denunciar a grave perda de atención sanitaria que está a sufrir o concello.

Segundo explicou a formación nacionalista, o centro de saúde de San Román quedará reducido a “un médico e medio”, cunha praza cuberta de maneira fixa e outra de carácter rotativo algúns días á semana, unha situación que consideran especialmente preocupante nun municipio situado no corazón dos Ancares, cunha poboación moi dispersa e cunha idade media elevada que precisa dunha atención sanitaria próxima, continuada e estable.

Durante a asemblea, a veciñanza puxo de manifesto que o que está a acontecer en Cervantes é un exemplo máis do desmantelamento progresivo da sanidade pública no rural por parte da Xunta, advertindo de que non se pode pretender atender un concello con estas características cun persoal médico insuficiente e inestable. Segundo se expuxo, a rotación constante do persoal sanitario impide un seguimento adecuado das doenzas, rompe a relación de confianza coa poboación e incrementa os riscos para a saúde, especialmente no caso das persoas maiores.

Esta situación no centro de saúde de San Román súmase, ademais, aos recortes que xa se veñen padecendo no consultorio de Doiras, agravando aínda máis a precariedade da atención sanitaria en Cervantes. Algunhas das persoas asistentes á asemblea denunciaron que se ven obrigadas a percorrer quilómetros por estradas complexas para acceder a un médico e quixeron deixar claro que non son cidadáns de segunda por vivir nos Ancares.

Coa convocatoria desta concentración, o BNG e a veciñanza reclaman á Consellaría de Sanidade que rectifique de inmediato, cubra as prazas necesarias con persoal estable e garanta unha atención sanitaria digna e de calidade no concello de Cervantes.

⚙ Configurar cookies
0.079851865768433