O BNG de Cervantes convoca unha xuntanza para analizar a situación sanitaria no concello

LugoXa
O encontro celebrarase mañá venres ás 20,00 horas na Casa da Catoira, en San Román, e servirá tamén para chamar á mobilización en defensa da sanidade pública
BNG-en-Cervantes
29 Jan 2026

O BNG de Cervantes vén de convocar á veciñanza do concello a unha xuntanza informativa que terá lugar mañá venres día 30 ás 20,00 horas no salón de actos da Casa da Catoira, na parroquia de San Román, co obxectivo de analizar a situación que atravesa a atención sanitaria no municipio, cualificada pola formación nacionalista como especialmente preocupante.

Segundo explica o BNG, tras non cubrirse a praza de médica do consultorio de Doiras, a falta de profesionais afecta agora directamente ao centro de saúde de San Román, que queda con só un médico e medio, cunha praza cuberta de maneira fixa e outra de carácter rotativo durante algúns días á semana. Unha realidade que consideran grave nun concello situado no corazón dos Ancares, cunha poboación moi dispersa e cunha idade media elevada, que precisa dunha atención sanitaria próxima, estable e continuada.

Desde a organización denuncian que a Xunta de Galiza está a construír unha sanidade de segunda para as persoas que viven no rural e alertan de que a montaña lucense sofre unha morte lenta como consecuencia do abandono e do desleixo que atribúen ao PP, materializado na redución de servizos públicos esenciais como a asistencia sanitaria. Subliñan que esta perda de calidade asistencial se produce nunha zona xeograficamente moi extensa, con dificultades orográficas que multiplican as distancias e complican os desprazamentos dunha poboación envellecida.

No transcurso da xuntanza, o BNG tamén animará á veciñanza a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo 1 de febreiro por SOS Sanidade Pública, unha mobilización que ten como obxectivo defender unha sanidade pública de calidade e accesible para toda a cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.088162899017334