O BNG de Cervantes solicita un pleno extraordinario para abordar a crise da sanidade pública no concello

LugoXa
A formación advirte da existencia de dúas prazas médicas vacantes e reclama unha resposta institucional firme ante o deterioro da atención sanitaria no rural
centro-de-saúde-de-San-Roman-Cervantes
10 Feb 2026

O BNG de Cervantes rexistrou unha solicitude formal dirixida ao alcalde do Concello para convocar un pleno extraordinario no que se aborde de maneira monográfica a situación da sanidade pública no municipio. A iniciativa chega tras facerse pública a vacante dunha das dúas prazas médicas do Centro de Saúde de San Román, sen que ata o momento a Consellería de Sanidade manifestase a súa intención de proceder á súa cobertura.

Segundo a información coñecida, o servizo podería pasar a prestarse de forma eventual, unha circunstancia que, ao xuízo do BNG, suporía un novo recorte na atención sanitaria da veciñanza. Esta situación súmase á praza vacante en Doiras, que permanece sen cubrir desde 2024 a pesar das reiteradas promesas realizadas, o que provocou que Cervantes pasase de contar con tres prazas médicas cubertas a dispoñer dunha única praza estable e dúas vacantes.

Desde o BNG sinalan que este escenario resulta especialmente preocupante nun concello marcado polo forte envellecemento da poboación e pola elevada dispersión xeográfica, factores que incrementan os tempos de desprazamento e fan imprescindible unha atención sanitaria próxima, continuada e de calidade. A formación nacionalista advirte tamén de que a situación podería agravarse no caso de que a profesional que ocupa a única praza cuberta decida xubilarse, o que deixaría o municipio nunha situación de extrema precariedade asistencial.

Na súa solicitude, o BNG non só reclama a celebración do pleno extraordinario, senón tamén que se permita a intervención dun portavoz daqueles colectivos veciñais que así o soliciten, co obxectivo de que a corporación municipal coñeza directamente as dificultades ás que se enfronta a poboación no acceso á sanidade pública.

A proposta presentada inclúe dous puntos de acordo concretos, entre eles instar á Xunta de Galiza a cubrir de maneira inmediata as dúas prazas de persoal facultativo vacantes no concello e dar traslado do acordo á Consellería de Sanidade, ao Sergas, ao Parlamento de Galicia e aos grupos parlamentarios galegos. O BNG considera que a defensa da sanidade pública no rural require dunha resposta institucional clara e dun posicionamento firme do Concello de Cervantes en defensa dos dereitos da súa veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.084450960159302