O BNG de Lugo acusa o PP de “enlamar” a política local e esixe a rectificación de Elena Candia

LugoXa
Rubén Arroxo anunciou que trasladará o caso ao gabinete xurídico e pide á voceira popular que rectifique ou dimita tras acusalo falsamente de malversación
comparecencia-BNG-Lugo
7 Nov 2025

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o responsable local da formación, Antón Bao, compareceron xunto a concelleiros e concelleiras do Bloque, a deputada autonómica Montse Valcárcel e a integrante do Consello Comarcal Elvira Lombao, para responder ás declaracións realizadas o día anterior pola portavoz do Partido Popular, Elena Candia.

Antón Bao abriu a intervención expresando “o apoio total do BNG a Rubén Arroxo e ao grupo municipal”, destacando que a súa acción á fronte da Tenencia de Alcaldía “está caracterizada polo compromiso coa cidade, a responsabilidade e a honestidade”. Bao acusou a Candia de “escoller unha estratexia baseada na mentira e nas falsas acusacións” e afirmou que “Lugo non merece que se faga política así”, asegurando incluso que recibiron “mensaxes de apoio de persoas do propio Partido Popular” que rexeitan esa liña de actuación.

Pola súa banda, Rubén Arroxo cualificou os feitos como “de extrema gravidade para a cidade e para a política municipal”, e advertiu de que “non se pode converter a política lucense nunha auténtica lameira”. O portavoz nacionalista considerou as palabras de Candia “inauditas e inaceptables” e afirmou que Lugo é unha cidade “chea de xente que traballa e defende o seu, fuxindo deste tipo de conflitos artificiais”.

UN ERRO CORRIXIDO

Arroxo explicou que o Concello asina arredor de 400 facturas cada día, entre as que poden aparecer erros puntuais “que entran dentro da normalidade” e que son detectados e corrixidos polos mecanismos de control da administración. “Nunca se chegou a pagar a factura á que se refería o PP, porque para que se pague unha factura hai que pasar moitos filtros”, precisou, en referencia a unha factura do evento Lugo Máxico 2025, que se introduciu por erro no lote de facturación tras suspenderse unha actuación debido á activación do sistema de seguridade do auditorio Fuxan os Ventos.

Segundo explicou Arroxo, “trátase dun erro administrativo solventado con total normalidade”, e criticou que “Candia intente crear un caso de corrupción dun erro corrixido”. O portavoz anunciou que o BNG trasladará o caso ao gabinete xurídico para estudar se as declaracións da portavoz popular poden constituír delito, e esixiu unha rectificación pública. “Non hai outra opción válida: ou rectifica ou ten que dimitir”, afirmou.

Arroxo lembrou que a sinatura de reparos é un procedemento habitual nas administracións públicas e que non implica ilegalidade algunha. “Elena Candia foi alcaldesa, seguramente tamén tivo que levantar reparos”, dixo, explicando que no goberno de coalición entre BNG e PSOE existe un acordo polo cal o alcalde asina as facturas correspondentes ás áreas socialistas e el asina as das áreas do BNG, “con total normalidade e transparencia”.

O portavoz nacionalista concluíu asegurando que “non se pode permitir que a voceira do PP dedique o seu traballo a enlamar a política lucense”, e pediu á popular “ética, respecto institucional e respecto á sociedade lucense”, advertindo que, de non rectificar, quedará demostrado que “está en Lugo só de paso dentro dun proxecto persoal de escalada política”.

⚙ Configurar cookies
0.076817035675049