O BNG de Lugo celebra o Ano Castelao 2025 con actividades en toda Galicia

LugoXa
Os actos buscarán non só celebrar a memoria de Castelao, senón tamén ofrecer unha oportunidade para afondar no seu pensamento político e a súa obra
BNG-Lugo-con-Castelao
7 Jan 2025

O BNG de Lugo anunciou que celebrará o Ano Castelao 2025 con distintas actividades en todo o país. A edil do BNG de Lugo, Maite Ferreiro, realizou este anuncio hoxe, 7 de xaneiro, coincidindo co 75 aniversario do pasamento de Castelao.

O BNG, en colaboración coa Fundación Galiza Sempre, levará a cabo ao longo do 2025 diversos actos que buscarán non só celebrar a memoria de Castelao, senón tamén ofrecer unha oportunidade para afondar no seu pensamento político e a súa obra. Esta obra recolle as ideas clave sobre as que se articula a proposta doutrinal do nacionalismo galego.

Ferreiro destacou que as institucións gobernadas polo BNG contarán cunha programación específica para o ano dedicado a Castelao. Esta programación arrancou xa no Museo Provincial cunha exposición sobre 'As cruces de pedra na Galiza'. Segundo Ferreiro, "todos os anos facemos unha lembranza simbólica na estatua de Castelao dun acontecemento importante na historia do noso país", subliñando que "a estatua de Castelao está situada diante do hotel no que se celebrou a Asemblea Nacionalista na nosa cidade hai máis de 100 anos e que foi o punto de partida para o nacionalismo galego contemporáneo".

A I Asemblea Nacionalista, celebrada en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918, reuniu a autores destacados do nacionalismo galego, como Castelao, Ramón Cabanillas, os irmáns Vilar Ponte e o lucense Lois Peña Novo. Na Asemblea de Lugo de 1918 asinouse o manifesto que serviu de base para os programas do nacionalismo galego. Neste manifesto, defínese a Galiza como nación e afírmase que "son chegados os tempos de erguer a alma e o pensamento de Galiza, e, sobre todo, a súa soberanía completa e sen cativeces".

0.16368913650513