O BNG de Lugo chama á mobilización no Día da Patria baixo o lema 'Galiza Sempre'

LugoXa
A formación nacionalista lembra o legado de Castelao e insta a defender o territorio fronte a proxectos como o de ALTRI, ademais de expresar a súa solidariedade co pobo palestino
reparto-informativo-BNG-Lugo
24 Jul 2025

O BNG de Lugo desenvolveu unha acción informativa nas rúas da cidade dentro da campaña nacional polo Día da Patria Galega, que este ano se celebra baixo o lema 'Galiza Sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía'.

A cita, que coincide co 75 aniversario do pasamento de Castelao, enmárcase tamén no Ano Castelao, o que lle outorga un carácter simbólico especial.

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, destacou que “Castelao simboliza o compromiso cunha Galicia dona de si, con dereitos e sen medo a decidir; e hoxe máis ca nunca cómpre reivindicar o seu legado”. Neste contexto, lembrou que o 25 de xullo “é unha data para celebrar o orgullo de sermos galegas e galegos, pero tamén unha xornada de loita e mobilización, na que dicimos que queremos decidir sobre o noso futuro e que Galicia non pode seguir sendo tratada como un territorio ao servizo de intereses alleos”.

Arroxo advertiu tamén sobre proxectos que, ao seu xuízo, se promoven sen contar coa vontade do país nin co respecto ao medio ambiente, como o caso da factoría de fibras téxtiles de ALTRI, que está a suscitar unha forte contestación social. “A defensa da nosa soberanía tamén implica defender o territorio, e proxectos como o de ALTRI amosan a urxencia de que poidamos decidir sobre o noso modelo de desenvolvemento e non depender de decisións tomadas desde lonxe”, sinalou.

Desde o BNG lucense reiteraron, ademais, o seu apoio ao pobo palestino, lembrando que “a loita pola liberdade é unha causa común de todos os pobos do mundo”. “Neste 25 de xullo tamén facemos presente a nosa solidariedade internacionalista co pobo palestino e con todas as nacións que resisten ante a ocupación e a inxustiza”, apuntou Arroxo.

A formación nacionalista fai un chamamento á veciñanza para que participe na manifestación nacional convocada para mañá en Compostela, coincidindo co Día da Patria. “O 25 de xullo é o día no que Galicia se ergue, con orgullo e esperanza, e no que dicimos que queremos vivir nun país que poida decidir, defender os seus recursos e avanzar con paso propio”, concluíu o portavoz nacionalista.

⚙ Configurar cookies
0.13108086585999