O BNG de Lugo critica que a Xunta "malgaste preto de 50.000 euros" en retirar céspede natural dunha glorieta

O BNG de Lugo critica que a Xunta "malgaste preto de 50.000 euros" na retirada do céspede natural da glorieta da estrada de Portomarín, que está no acceso ao barrio da Ponte, para colocar céspede artificial.
O concelleiro do BNG no Concello de Lugo, Alexandre Penas, afirmou que "mentres que desde o BNG tratamos de aumentar as zonas verdes e as zonas de céspede na cidade, a Xunta elimina as poucas que son da súa competencia".
Penas afirmou que "a Xunta continúa a maltratar á zona afectada directamente polo proxecto de planta de biometano de Coeses", e criticou que o proxecto que executou a Xunta nesta glorieta "se intente vender como unha integración paisaxística, cando está a empeorar a imaxe dun dos accesos a Lugo".
O BNG defende que a mellor opción é paralizar o proxecto de planta de biometanización previsto para Coeses, comezando por que a Xunta retire a clasificación de iniciativa empresarial prioritaria. Esta declaración permite reducir os tempos de trámites como a Avaliación de Impacto Ambiental, "que se fará pola vía rápida se a Xunta mantén esta declaración", explicou Alexandre Penas, que engadiu "esta declaración fíxose cun proxecto que recoñece emisións de cheiros e gases contaminantes á veciñanza da contorna".
A empresa recoñece no seu proxecto para a construcción da planta que emitirá cheiros e gases contaminantes e o verquido de 76,7 metros cúbicos de augas residuais ao regato de Vilalbite con posterior deprazamento ao río Miño. O tratamento destas xa augas foi considerado ineficiente por parte da CHMS, o que fixo que este proxecto fose informado desfavorablemente dado que este regato conta con pouco caudal de auga, especialmente nos meses estivais.