O BNG de Lugo dá inicio ao Ano Castelao 2025 cun acto conmemorativo o venres

O BNG de Lugo deu o pistoletazo de saída ás actividades do Ano Castelao 2025 cun reparto para animar á cidadanía lucense a participar na primeira das xornadas conmemorativas, que se celebrarán este venres, 14 de febreiro, ás 19.30 horas no Centro Cívico Uxío Novoneyra.
O evento, titulado 75 anos, sempre presente, terá como obxectivo lembrar a figura de Castelao, un dos maiores referentes da literatura galega e do nacionalismo galego, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento.
Durante o faladoiro, que contará coa participación de Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e Manuel Rei Romeu, escritor e divulgador da figura de Castelao, abordarase a súa relevancia tanto na historia literaria como no desenvolvemento do nacionalismo galego na primeira metade do século XX.
"Castelao foi unha peza clave na construción do nacionalismo galego contemporáneo", destacou Ferreiro, que tamén anunciou que ao longo deste ano, o BNG e a Fundación Galiza Sempre realizarán unha serie de actos para afondar non só na súa memoria, senón tamén no seu pensamento político e na súa obra, que continúa sendo fundamental para entender as bases do nacionalismo galego actual.
A concelleira tamén destacou que, no marco das programacións específicas do Ano Castelao nas institucións onde o BNG goberna, xa se deu inicio a unha exposición sobre "As cruces de pedra na Galiza" no Museo Provincial, que se manterá aberta durante o ano.
A I ASEMBLEA NACIONALISTA
Como parte desta celebración, Maite Ferreiro fixo tamén mención da tradición de lembranza simbólica de Castelao, que todos os anos ten lugar na estatua erixida en Lugo en súa honra, situada diante do antigo hotel onde se celebrou a I Asemblea Nacionalista no ano 1918. "A estatua de Castelao sitúase nun lugar clave para a historia do nacionalismo galego, pois aquí, hai máis de 100 anos, xurdiu a semente do nacionalismo galego moderno", lembrou a edil.
A I Asemblea Nacionalista, que tivo lugar en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918, contou coa presenza de destacados autores do movemento, como Castelao, Ramón Cabanillas, os irmáns Vilar Ponte e o lucense Lois Peña Novo. Durante a súa celebración asinouse un manifesto no que se proclamaba a Galiza como nación e se reafirmaba o compromiso coa súa soberanía completa e sen limitacións.
O Ano Castelao 2025 promete ser un ano de profunda reflexión e celebración da súa figura, ao tempo que se revive a importancia histórica e ideolóxica do movemento nacionalista galego.