O BNG de Lugo defende unha nova regulación da tarifa eléctrica
O BNG vén de iniciar en Lugo unha campaña de recollida de sinaturas para solicitar ao goberno do estado unha nova regulación da tarifa eléctrica. O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que “a nova tarifa imposta polo goberno do Estado está a facer que a maioría dos e das consumidoras teñamos un aumento nos custes, e condiciónase un posible aforro na factura a un cambio importante nos hábitos de vida”.
O BNG defende a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega, ademais dun IVE super-reducido do 4% en lugar do 21% que se aplica agora ao consumo de electricidade, así como a supresión do imposto especial de electricidade. Arroxo explicou que “a luz é un servizo básico, non un artigo de luxo, ademais, as galegas e galegos estamos a pagar a luz máis cara do estado, sendo produtores de enerxía que se consume fóra de Galiza”.
O BNG continuará a colocar a carpa os vindeiros días en distintas zonas da cidade. Así pois, o mércores 30 ás 18 horas estará na praza Horta do Seminario, o luns 5 ás 18 horas atoparase na rúa Menorca e, finalmente, o mércores 7 ás 18 horas estará na rúa Nova.