O BNG de Lugo denuncia o aumento dos prezos dos seguros de taxi e reclama medidas ao Goberno

LugoXa
Na proposta, o BNG demanda que a Dirección Xeral de Seguros, dependente do Ministerio de Economía, supervise ás empresas aseguradoras para evitar prácticas abusivas
Rubén Arroxo, BNG Lugo
23 Jan 2025

O voceiro do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, informou de que o BNG presentou unha proposta no próximo pleno para instar ao Goberno do Estado a tomar accións fronte á situación que están sufrindo as e os profesionais do taxi debido ao incremento dos custos dos seguros.

"Estamos observando como numerosos profesionais están a recibir aumentos de ata 12 veces o importe que pagaban anteriormente polo seu seguro", indicou Rubén Arroxo, quen engadiu: "esta problemática está a poñer en risco a continuidade do traballo de moitos autónomos e autónomas."

Na proposta, o BNG demanda que a Dirección Xeral de Seguros, dependente do Ministerio de Economía, supervise ás empresas aseguradoras para evitar prácticas abusivas, como subidas desproporcionadas de prezos que non se corresponden cos riscos, e que adopte as medidas necesarias para garantir que estas compañías non poidan realizar accións unilaterais e inxustas.

As empresas aseguradoras xustifican os incrementos nos prezos pola inflación, o aumento dos custos dos sinistros, o incremento dos baremos das indemnizacións e unha maior sinistralidade.

Porén, estes argumentos non se axustan á realidade, xa que a inflación non debería xustificar subidas superiores ao IPC, e non hai evidencias dun incremento da sinistralidade nin dun maior número de partes ou incidentes.

Ademais, nalgúns casos, as persoas profesionais non só afrontan primas máis elevadas, senón que tamén son obrigadas a contratar seguros adicionais, como decesos, fogar ou vida, unha práctica que a propia Dirección Xeral de Seguros cualificou de abusiva.

O servizo de taxi cumpre unha función esencial como transporte público, especialmente no ámbito rural, onde a miúdo é a única alternativa dispoñible para a mobilidade das persoas. Por este motivo, as administracións públicas deben garantir que este servizo sexa de calidade, accesible para todas as persoas usuarias e con cobertura en todo o territorio.

0.18092894554138