O BNG de Lugo inicia o proceso para escoller candidatura ás municipais de 2027

LugoXa
A asemblea local abre o prazo para que a militancia presente propostas antes da elección definitiva da cabeza de lista
Asemblea-Local-do-BNG-de-Lugo
7 Apr 2026

A Asemblea Local do BNG de Lugo celebrou unha reunión na que deu comezo ao proceso interno para a elaboración da candidatura de cara ás eleccións municipais de 2027, en liña co calendario de traballo fixado pola Dirección Nacional da organización.

O responsábel local do BNG, Antón Bao, destacou que “o BNG é unha organización democrática, e todas as cuestións importantes, como a cabeza de lista de cara a unhas eleccións municipais, escóllense entre toda a militancia”, incidindo no carácter participativo do proceso.

Neste sentido, a formación nacionalista abrirá un prazo no que calquera persoa afiliada poderá presentar a súa candidatura. Segundo explicou Bao, o obxectivo é afrontar os comicios “con ambición, ilusión e a vontade de seguir afondando no cambio profundo que estamos a desenvolver en Lugo”.

Unha vez finalice este período, a Asemblea Local volverá reunirse para decidir quen encabezará finalmente a candidatura no municipio. A proposta resultante deberá ser posteriormente validada tanto polo Consello Comarcal como polo Consello Nacional do BNG.

Bao tamén subliñou que o BNG foi sinalado como a organización política máis democrática nun estudo elaborado pola iniciativa +democracia, algo que, segundo afirmou, “se reflicte en procedementos como este, nos que se lle dá voz a toda a militancia”.

0.12559700012207