O BNG de Lugo lémbralle á Xunta que xa dispón dun proxecto para o Pazo de Dona Urraca

LugoXa
Lamentan que o Goberno galego ignore un plan que contaba con recoñecemento internacional e que propoñía unha intervención integral para recuperar o patrimonio
pazo-dona-urraca-lugo
13 Mar 2025

O portavoz do BNG e tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, cualificou como "unha falta de respecto ás e aos lucenses" a visita realizada hoxe pola conselleira de Vivenda para presentar o lanzamento dun concurso de ideas destinado á renovación do Pazo de Dona Urraca, situado no barrio da Tinería.

Arroxo lembrou que “a Xunta xa dispón dun proxecto para este edificio e para o resto do barrio, un proxecto impulsado polo BNG cando tivo a responsabilidade da Consellería de Vivenda, que incluso foi premiado pola ONU”. Neste sentido, lamentou que o actual Goberno galego ignore un plan que contaba con recoñecemento internacional e que propoñía unha intervención integral para recuperar o patrimonio e dinamizar social e economicamente o barrio.

O portavoz do BNG explicou que a rehabilitación da zona UI-8, onde se atopa o Pazo de Dona Urraca, xa estaba adxudicada a comezos de 2009. “Cando o PP chegou á Xunta, renunciou á execución do proxecto e tivo que indemnizar á empresa adxudicataria das obras”, denunciou Arroxo. E engadiu: “Se o PP seguise investindo na Tinería do mesmo xeito que fixo o BNG, hoxe este barrio sería un modelo para Lugo e para o mundo enteiro”.

O proxecto orixinal, elaborado polas arquitectas viguesas Belinda Besada e María Esther Faílde tras un concurso de ideas convocado pola Consellería de Vivenda, prevía un investimento de 2,3 millóns de euros para converter o Pazo de Dona Urraca nun centro de estudos, documentación e investigación de servizos sociais.

Entre os anos 2005 e 2010, a Consellería de Vivenda investiu máis de 31 millóns de euros na recuperación do barrio da Tinería, adquirindo 52 edificios e proxectando 70 vivendas protexidas para o alugueiro da mocidade, nunha aposta decidida pola rexeneración urbana, económica e social do casco histórico.

Arroxo tamén lembrou que no ano 2009 o BNG estaba a ultimar o estudo arqueolóxico da UI-7, outra das zonas clave do barrio. “A gran intervención do PP na Tinería nos últimos 16 anos foi retirar unha chapa metálica para colocar unha protección de madeira nunha parcela de enorme valor histórico para Lugo e para Galiza”, ironizou.

O proxecto impulsado polo BNG foi valorado positivamente pola ONU polo seu carácter público, a súa orientación á recuperación patrimonial, a reactivación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego, o fomento do emprendemento en baixos de titularidade pública e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da contorna da Muralla de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.24314594268799