O BNG de Lugo mostra o seu apoio a colectivos que apostan pola defensa da contorna do río

Representantes da asociación ADEGA e o BNG de Lugo reuníronse coa veciñanza de Paradai afectada pola posible construción de edificacións na contorna do río Rato.
"Trasladamos o noso apoio aos colectivos que están investigando posibles irregularidades e que apostan pola defensa da contorna do río", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "desde o BNG seguiremos a defender que os ríos non son para edificar, deben ser protexidos para dar continuidade ao importante cinto verde que temos en Lugo".
Arroxo afirmou que “o PP, amparado nun PXOM que non foi aprobado por unanimidade, ponse do lado de quen pretende impulsar edificacións nunha área que debería estar protexida polos seus valores naturais e pola súa función como zona de desaugadoiro en caso de crecidas do río”.
Ademais, lembrou que o PXOM de Lugo permite a construción diferentes áreas que deberían contar con maior protección, "unha das moitas cuestións que levaron ao BNG a pronunciarse en contra deste planeamento urbanístico", dixo.
Tamén explicou que a venda dos 59.382 metros cadrados de terreo foi realizada nos últimos momentos do goberno do PP na Deputación.
Arroxo concluíu que "seguiremos defendendo unha cidade sostible, na que as zonas verdes, e especialmente a contorna do Río Rato sexa unha mostra de orgullo para as veciñas e veciños".
CONTESTACIÓN DO PP
O portavoz do Grupo Provincial e concelleiro de Lugo, Antonio Ameijide, fixo un chamamento á "coherencia" aos partidos gobernantes do Concello e da Deputación de Lugo, o PSOE e o BNG, en relación ao futuro de Paradai. Ameijide instou aos dous grupos políticos a decidir "que queren facer con Paradai", subliñando que "o teñen na súa man".
Ameijide puxo en dúbida a falta de avances no barrio e criticou aos gobernos locais e provinciais por non tomar unha decisión firme en relación á construción na zona. "Se PSOE e BNG queren que non se constrúa, despois de case dúas décadas de enredos con ese barrio, deben buscar a fórmula para rescindir acordos anteriores e declarar todo zona verde", afirmou.
Ameijide tamén subliñou que o Partido Popular sempre foi un defensor da preservación do entorno natural e que "se hai alguén que defende o paseo do Rato e que non se destrúa o entorno nin se xere impacto negativo no río, é o Partido Popular". Lembrou que foron os populares quen construíron as zonas verdes de Lugo, como os paseos do Rato e do Miño, mentres que en 20 anos de gobernos do PSOE e BNG, "non se avanzou nin un só metro, e ademais non coidan o que herdaron".
O portavoz popular tamén condenou as contradicións entre os dous partidos políticos que gobernan tanto no Concello como na Deputación, ao afirmar que "os mesmos partidos políticos que gobernan en ambas institucións digan unha cousa no Concello e fagan a contraria na Deputación Provincial". En referencia ao caso concreto de Paradai, criticou que "Rubén Arroxo, do BNG, diga aos veciños que non quere construír na zona, cando o seu propio partido forma parte do goberno que contratou a unha arquitecta para o desenvolvemento urbanístico da área".
Por outra parte, Ameijide lembrou que o presidente da Deputación, José Tomé, asinou un decreto o pasado 20 de novembro de 2024, autorizando o pagamento de 12.100 euros para a contratación da "Adaptación dos documentos para a aprobación inicial do Plan Parcial S-13R". Isto, segundo o popular, demostra que o goberno da Deputación, do que tamén forma parte o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, está a favor da edificabilidade en Paradai.
Ameijide concluíu o seu discurso facendo un novo chamamento a PSOE e BNG para que tomen unha decisión clara sobre a construción en Paradai, lembrando que "teñen nas súas mans" a oportunidade de evitar a edificación na zona. Explicou que "teñen unha oportunidade de ouro" para devolver ao comprador o diñeiro do primeiro pago da venda dos terreos, en lugar de entregarlle a parcela, como recollía o acordo inicial.