O BNG de Lugo presenta o proxecto 'Da Escola á Granxa' para fomentar a educación no rural

O BNG de Lugo presentou en Lugo unha nova edición do proxecto 'Da Escola á Granxa', unha iniciativa que busca achegar aos máis pequenos ao mundo rural a través de actividades educativas en granxas, producións agrarias e proxectos de emprendemento no sector primario.
O programa conta cun orzamento de 200.000 euros e está dirixido a asociacións de nais e pais de centros de educación infantil e primaria.
As ANPAS interesadas poderán solicitar achegas de ata 1.000 euros para cubrir o custo das actividades e o desprazamento ás granxas e producións agroalimentarias elixidas.
En total, participan nesta edición 45 explotacións, 13 delas incorporadas este ano. A maioría destas novas incorporacións son proxectos familiares que apostan pola diversificación produtiva e pola produción ecolóxica.
A concelleira de Lugo, Iria Buide, animou á comunidade educativa a participar nesta iniciativa, destacando que "cada ano demostra a potencialidade da actividade agrogandeira de Lugo, amosando ás nenas e nenos producións diversas, desde mel, froita e produtos da horta, ata a cría de gando, ademais da elaboración de produtos como lácteos, marmeladas, embutidos, galletas ou conservas".
Pola súa parte, a deputada de Cultura, Iria Castro, quixo agradecer “a implicación das granxas participantes, que deseñan actividades para os nenos e as nenas que as visitan, amosando a importancia do sector primario na produción de alimentos e na conservación do territorio”.
O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o luns 21 de abril, e os modelos para a súa tramitación estarán dispoñibles na web da área de Rural da Deputación de Lugo.