O BNG de Lugo propón un túnel subterráneo para vehículos baixo a actual Estación de Autobuses

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, reforzou a proposta da súa formación para a creación do Gran Parque Central de Lugo, destacando que a iniciativa responde "ao consenso que sempre existiu entre a veciñanza para transformar este espazo".
Dentro do proxecto, Arroxo propuxo a construción "dun túnel soterrado para vehículos" que conecte a rúa Dinán coa avenida Anxo López Pérez, permitindo "practicamente eliminar o tráfico rodado e gañar un novo espazo peonil de máis de 27.000 metros cadrados, case tres hectáreas en total, que partiría desde a Muralla".
O portavoz do BNG sinalou que "cidades como A Coruña demostraron que soterrar o tráfico permite recuperar espazos ocupados polos coches para o desfrute da cidadanía sen necesidade de trasladar a circulación a outras zonas". Ademais, afirmou que "esta opción debería considerarse para este tramo, xa que tamén facilitaría a eliminación do tráfico que actualmente accede pola rúa Cidade de Vigo para entrar no aparcadoiro da praza da Constitución".
Arroxo explicou que a construción do paso soterrado podería realizarse "ao mesmo tempo que se levan a cabo as escavacións do aparcadoiro deste parque".
Un gran pulmón verde para a cidade
O Gran Parque Central situarase no espazo que actualmente ocupa a Estación de Autobuses, unha área de máis de 6.500 metros cadrados, converténdose nunha gran zona verde a carón do centro urbano. En total, abarcará máis de 27.000 metros cadrados e contará con áreas de xogo infantil, espazos de convivencia e un centro cultural de referencia como o Vello Cárcere.
Arroxo instou á Xunta de Galicia a desenvolver este proxecto "con diálogo e consenso tanto social como político" e subliñou que "coa transformación do espazo que hoxe ocupa a Estación de Autobuses, a Xunta ten a oportunidade de demostrar o seu compromiso con Lugo a través do investimento e da mellora da cidade".
O BNG xa rexistrou unha proposición para o próximo pleno na que insta á Xunta a estudar a viabilidade deste proxecto co obxectivo de converter o terreo da Estación de Autobuses no gran parque central de Lugo.