O BNG de Lugo reclama á Xunta que de uso ao antigo edificio de Aspnais

LugoXa
O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que defenderá no vindeiro pleno unha proposición para que a Xunta de Galiza poña en funcionamento o antigo edificio de Aspnais, ubicado na rampla de Claudio López.
bng_aspnais
19 Mar 2024

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que defenderá no vindeiro pleno unha proposición para que a Xunta de Galiza poña en funcionamento o antigo edificio de Aspnais, ubicado na rampla de Claudio López. O estado deste edificio é “un exemplo da relación da Xunta con Lugo, o abandono total tanto da cidade como destas instalacións que están chamadas a ter un importante peso na prestación de servizos sociosanitarios", asegura.

Aspnais trasladou a súa sede no ano 2020, deixando este edificio sen actividades. O edificio, titularidade da Xunta de Galiza, actualmente atópase baleiro, deteriorándose debido á ausencia de actividade. Nos últimos 4 anos, o Goberno autonómico anunciou varios proxectos para executar nestas instalacións, dende albergar unha residencia para a terceira idade ata a cesión a colectivos sociais. "Pasaron xa 4 anos e vemos como a Xunta só fixo anuncios, pero ningunha destas propostas se volveu realidade", afirma o portavoz do BNG, que engade que Lugo e a súa contorna “teñen unha gran necesidade de servizos sociosanitarios públicos, e a Xunta ten abandonada unha instalación que podería acollelos".

O 17 de novembro de 2020, a Xunta anunciou unha unha cesión dese edificio a AFALU e ALUME, onde se aseguraba que con esta cesión se crearía unha residencia asistencial e un centro de día para persoas con alzhéimer, ademais dun centro de rehabilitación psicosocial e laboral, unha unidade de atención temperá, outra para a atención de trastornos de personalidade e un obradoiro de xardinería. "Catro anos despois vemos como aínda non se materializou esta cesión e as distintas asociacións non puideron poñer os seus proxectos en marcha", afirma Rubén Arroxo.

0.19388198852539