O BNG de Lugo reclama ao Estado a creación do xulgado de violencia de xénero na cidade

O Bloque Nacionalista Galego instou ao Goberno do Estado a acelerar os trámites para poñer en marcha canto antes o xulgado específico de violencia de xénero en Lugo, unha iniciativa que —segundo lembra a organización— foi incluída no Acordo de Investidura a proposta do propio BNG. A formación denuncia que o proceso está a experimentar retrasos que considera “inxustificados” e alerta da urxencia de avanzar nesta dotación xudicial para reforzar a atención ás vítimas.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reiterou esta demanda durante unha visita á cidade, na que mantivo unha reunión co persoal dos xulgados co obxectivo de coñecer de primeira man a situación e as necesidades do sector.
No encontro estivo acompañado polo portavoz do BNG e tenente alcalde, Rubén Arroxo, e polo vicepresidente da Deputación, Efrén Castro. Rego subliñou que a creación dun xulgado especializado “é esencial para garantir unha atención máis eficaz, especializada e humanizada ás vítimas”, e lembrou que se trata dunha petición histórica da cidadanía lucense que o BNG conseguiu incorporar ao pacto estatal.
Desde a formación nacionalista insisten en que a posta en marcha do novo órgano xudicial debe ir acompañada de máis recursos humanos e materiais, co obxectivo de asegurar un funcionamento adecuado e un servizo público de calidade. O deputado advertiu de que “non chega con crear o xulgado sobre o papel”, e apelou a reforzar o persoal, mellorar as instalacións e fomentar a formación específica en materia de violencia machista.
Rego tamén fixo fincapé na elevada carga de traballo que soportan actualmente os xulgados de Lugo, unha situación que —sinalou— afecta tanto ao persoal como ás persoas usuarias e fai necesario adoptar medidas inmediatas. O BNG avanzou que reclamará no Congreso actuacións concretas para paliar esta presión e garantir que o novo xulgado poida operar con todos os medios necesarios desde o primeiro día.
“O Goberno debe cumprir o acordado e demostrar con feitos que a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade real tamén en Lugo”, concluíu o deputado nacionalista.