O BNG de Lugo reclama que non se financien festivais vinculados co xenocidio en Palestina

LugoXa
A formación nacionalista pide que os eventos con apoio institucional cumpran cos mínimos éticos promovidos polo movemento BDS
BNG-Lugo-pleno-Concello
17 Sep 2025

O BNG de Lugo fixo pública a súa posición respecto ao financiamento con diñeiro público de festivais e grandes eventos culturais que contan coa participación de empresas vinculadas co que cualifican de xenocidio do pobo palestino. O responsábel local da formación, Antón Bao, asegurou que ningunha institución debe colaborar con actividades relacionadas con esta realidade e recalcou que a postura dos nacionalistas é firme e inequívoca.

Bao explicou que en todas as institucións nas que o BNG ten representación a súa actuación baséase no compromiso coa xustiza social, cos dereitos humanos e co uso responsábel dos recursos públicos. Nese sentido, chamou a que todos os festivais que reciban apoio institucional se sometan aos catro mínimos éticos defendidos polo movemento BDS: manifestar publicamente o apoio aos dereitos humanos, rexeitar financiamento procedente de fondos vinculados ao Estado de Israel, amosar un apoio real ao pobo palestino e garantir condicións laborais dignas para o persoal.

O BNG puxo como exemplo varios festivais galegos, entre eles O Son do Camiño, o Caudal Fest, o Resurrection Fest e o Morriña Fest, que reciben financiamento do fondo KKR, ligado a Israel. A formación únese así ás campañas en contra da participación desta empresa na vida cultural galega.

Por último, Bao reclamou á comunidade internacional que adopte medidas eficaces para frear o exterminio e a expulsión da poboación palestina tanto en Gaza como en Cisxordania.

⚙ Configurar cookies
0.10977816581726