O BNG de Lugo reclama unha proposta "máis ambiciosa" para recuperar os Lagos de Teixeiro
O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que o Partido Popular anunciou a recuperación das zonas verdes dos Lagos de Teixeiro “a mes e medio das eleccións porque saben que van perder a Xunta de Galiza e será o BNG quen execute este proxecto”. Arroxo lembrou que desde o BNG se reclamou en múltiples ocasións a recuperación desta zona converténdoa “nunha zona de esparcemento actualizada e cunha oferta lúdica axeitada ao século XXI”.
A proposta que defendeu o BNG inclúe a recuperación dos espazos de lecer que xa existen na zona, sinalizar percorridos de sendeirismo e de rutas para bicicleta todo terreo, habilitar áreas para deportes en contacto coa natureza e a integración das distintas actividades na contorna natural, “esta zona precisa unha actuación integral e non só a construción dunha ruta de sendeirismo”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “trátase dunha zona espectacular para actividades como a bicicleta de montaña ou o deporte na natureza e con posibilidades para outras actividades a realizar en contacto directo coa natureza”.
O portavoz do BNG no Concello de Lugo criticou que “a Xunta de Galiza só se lembra de Lugo cando as eleccións están próximas, mais despois os investimentos anunciados non se executan”. Rubén Arroxo afirmou que “a partir do 18 de febreiro, co BNG gobernando a Xunta de Galiza, atenderanse as necesidades de Lugo e recuperarase este espazo para o desfrute de todas as veciñas e veciños”.