O BNG de Lugo reúne persoas migrantes para reforzar o seu compromiso contra o racismo e a prol da convivencia

LugoXa
A formación nacionalista defende o papel de Galicia como terra de acollida e reclama espazos de diálogo fronte ao avance da intolerancia
encontro-con-persoas-migrantes-BNG-Lugo
22 Jul 2025

O BNG de Lugo organizou un encontro aberto con persoas migrantes co obxectivo de mostrar o seu apoio e fortalecer o compromiso da organización fronte ao rexurdimento de discursos e movementos racistas que, segundo alertan, están a cobrar forza noutros puntos do Estado.

O portavoz nacionalista Rubén Arroxo cualificou Galicia e Lugo como "zonas acolledoras e solidarias" e explicou que a xuntanza buscaba coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza migrante da cidade. "Ante o odio e o racismo que vemos a diario, desde o BNG de Lugo quixemos manter un encontro coas persoas migrantes de Lugo para coñecer as súas necesidades e amosar novamente o noso apoio", declarou Arroxo, quen salientou tamén a importancia de escoitar estas voces e crear espazos de diálogo para avanzar cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.

O responsable do BNG destacou os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que sinalan que Lugo conta con habitantes procedentes de 108 países, unha realidade que, ao seu ver, evidencia o exemplo de integración e convivencia que representa a cidade. Nese sentido, lembrou que Galicia foi historicamente terra de emigrantes e que hoxe debe converterse tamén "nun lugar de acollida e de pluralidade".

O acto concluíu coa lectura dun manifesto elaborado pola artista multidisciplinar Luz Darriba, un texto que aposta polo respecto mutuo, a unidade e a defensa dos valores democráticos ante os brotes de racismo, xenofobia ou aporofobia. O manifesto fai unha firme defensa da convivencia pacífica e do dereito de todas as persoas a procurar unha vida mellor. "Imos defender cada un dos espazos democráticos que tantas vidas custaron; imos dar esta batalla coas armas da razón e do dereito, da xustiza a prol dunha convivencia pacífica e amábel entre os seres humanos", recolle o documento.

⚙ Configurar cookies
0.1831419467926