Aproban no Pleno de Lugo rexeitar o acordo UE-MERCOSUR por prexudicar o sector primario galego

O Pleno do Concello de Lugo comezou coa intervención do portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, quen defendeu a proposta da formación nacionalista para expresar o rexeitamento ao acordo comercial asinado entre a Unión Europea e o MERCOSUR, un pacto que definiu como “unha traizón e unha capitulación dos intereses do sector primario galego fronte a outros sectores con máis peso noutras rexións europeas, como a industria automobilística”. Arroxo asegurou que Galicia precisa “un goberno galego que defenda ás e aos produtores do país”, algo que, ao seu xuízo, non acontecerá “cun PP galego que fai o que lle indica o PP europeo sen ter en conta as necesidades das galegas e dos galegos”.
O concelleiro sumouse ás preocupacións expresadas polas gandeiras e gandeiros que levan semanas mobilizándose ante o impacto que pode ter a entrada de produtos agrarios procedentes de América do Sur, unha situación que, segundo explicou, afectará de maneira especial á gandería extensiva de produción de carne e derivados en Galicia. Segundo as cifras publicadas, o acordo permitirá a entrada anual libre de aranceis de 99.000 toneladas de carne de vacún, 180.000 toneladas de carne de avicultura e 45.000 toneladas de mel procedentes dos países do MERCOSUR.
Arroxo puxo estes datos en relación coa produción galega, que alcanza as 95.600 toneladas anuais de carne de vacún, das cales 23.000 están amparadas pola IXP Ternera Gallega, ás 215.000 toneladas de carne de avicultura e ás 2.700 toneladas de mel. Ao seu entender, o acordo abre a porta á entrada na UE dun volume de carne similar á produción anual de Galicia, coa agravante de que estes produtos non están obrigados a cumprir cos mesmos requisitos sanitarios, ambientais e laborais esixidos na Unión Europea, o que supón unha competencia desleal evidente.
No caso do mel, sinalou que o volume previsto de importacións case duplica a produción total do conxunto do Estado español, que na última anualidade acadou as 27.400 toneladas. O acordo, engadiu, favorecerá a chegada masiva de produtos desde miles de quilómetros de distancia, impulsando o monocultivo e a especialización agraria de grandes extensións, unhas prácticas que cualificou de totalmente contrarias á descarbonización, á protección da biodiversidade, á soberanía alimentar e á promoción do consumo de produtos de proximidade e de tempada.
Rubén Arroxo defendeu que en Galicia se debe apostar por “un modelo global de produción máis sostible”, fomentando o consumo de produtos locais e de quilómetro cero e limitando a importación masiva de produtos non necesarios, ao tempo que criticou “a postura do Partido Popular, que vota a favor nos órganos de representación política e mantén un discurso completamente distinto de cara aos medios”.
CAUSA Á QUE SE SUMOU O PP
O grupo municipal do Partido Popular puxo en valor o seu papel no último pleno do Concello de Lugo, no que, segundo sinala, varias iniciativas saíron adiante grazas aos seus 12 votos e a distintos acordos co resto das formacións. Entre elas, destaca a aprobación da proposición de apoio ao sector agrogandeiro presentada polo BNG, que contou co respaldo do PP e coa abstención dos concelleiros do PSOE.
Os populares tamén salientan o acordo alcanzado co BNG para sacar adiante, con 17 votos favorables, unha proposta destinada a reivindicar infraestruturas e comunicacións dignas para a cidade de Lugo, unha iniciativa que consideran fundamental para o desenvolvemento do municipio.
Así mesmo, o PP subliña que se lograron os apoios necesarios para aprobar unha proposición que reclama unha actuación urxente na zona de Fermín Rivera. A iniciativa, que contou con 13 votos a favor, ten como obxectivo dar solución aos problemas do servizo de abastecemento de auga nesta área da cidade, onde a veciñanza leva anos sufrindo cortes de subministración de maneira reiterada. Deses 13 votos a favor, un foi o de María Reigosa, concelleira do goberno local, algo que chamou a atención de todos os presentes.
Desde a parte socialista do goberno, explicou que a recuperación do entorno do río na rúa Fermín Rivera "é unha prioridade para o Goberno local. Existe un protocolo de actuación e un convenio asinado coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil que regula a execución e ambas administracións contan coa consignación orzamentaria necesaria para que a obra poida comezar este mesmo ano". Por iso, din que "a proposición defendida hoxe polo Grupo Municipal Popular é extemporanea, chega tarde e obvia que o proxecto xa está en marcha. Por responsabilidade e rigor institucional, o Grupo Municipal Socialista votou en contra dunha iniciativa redundante e claramente oportunista".
Pola contra, o grupo popular lamenta que PSOE e BNG rexeitasen a proposta presentada polo PP para estudar alternativas, compatibles coa normativa vixente, que permitan reorientar o uso das Caldas do Miño. Segundo lembran, trátase dun espazo no que o goberno local investiu 1,4 millóns de euros e que, desde a súa inauguración, permaneceu pechado durante máis dun ano dos case tres transcorridos, continuando na actualidade sen actividade.