O BNG de Lugo solicita medidas urxentes para paliar as consecuencias da inflación

LugoXa
El BNG de Lugo solicitó en el pleno provincial que se tomen medidas urgentes para paliar las consecuencias de la inflacción.
nova directiva bng lugo
30 Mar 2022

O BNG defendeu no Pleno provincial a intervención no mercado eléctrico para dar unha solución estrutural á escalada de prezos que ven lastrando aos sectores produtivos e ás familias galegas.

O voceiro nacionalista Efrén Castro fixo fincapé nesta cuestión no debate dunha moción que reclama aos gobernos do Estado e da Xunta de Galicia medidas urxentes para paliar as consecuencias da crise inflaccionista histórica que afecta á economía galega que, incidiu, se “agravou coa invasión de Ucraína pero que arrastramos desde antes”.

O deputado do BNG argumentou que a “illa enerxética” que recoñeceu a Unión Europea para a Península Ibérica dá a razón á demanda dunha tarifa eléctrica galega, que teña en conta que Galicia é un país produtor e exportador de electricidade.

Ademais da intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, a moción propón a baixada selectiva do IVE de produtos e subministros básicos ou a protección do sector primario evitando a venda a perdas e impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración.

A proposta tamén reclama a necesidade dunha revisión impositiva para unha fiscalidade xusta e redistributiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerábeis contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza.

O deputado nacionalista defendeu esta batería de medidas para que a crise xerada pola escalada de prezos non a paguen as maiorías sociais. “Evidentemente traemos medidas para que o Estado exerza un control sobre o mercado”, reafirmou fronte ao PPdeG, que votou en contra criticando “o intervencionismo” das medidas, e do PSdeG que se cinguiu “ás medidas que se aprobaron no Consello de Ministros”.

Declaración institucional e moción sobre a invasión de Ucraína

No Pleno ratificouse unha declaración institucional de condena á invasión de Ucraína consensuada polos tres grupos da corporación provincial o pasado 8 de marzo. O voceiro do BNG lamentou que o PSdG, secundado polo PPdeG, buscase romper esa unidade cunha moción que subordinaba a condena á invasión rusa ao “firme compromiso” coa OTAN.

Tras non se aceptar por parte do grupo socialista unha emenda de substitución do BNG referenciada na Unión Europea, Efrén Castro lamentou que “ nunha moción que quere falar da paz se faga unha defensa a ultranza dun mecanismo de guerra como e á OTAN” e reiterou “a condena clara e inequívoca da invasión da Ucraína por parte do exército ruso”

0.19771003723145