O BNG de Monterroso critica a xestión da escola infantil e reclama a apertura dunha nova aula

LugoXa
Propoñen tamén unha reorganización das prazas mediante un novo agrupamento que permita atender as solicitudes en espera
membros do BNG en Monterroso diante da escola infantil municipal
16 Jun 2025

O concelleiro do BNG en Monterroso, Brais Vázquez, amosou a súa total desconformidade coa elevada lista de agarda na escola infantil do concello, tras facerse pública a listaxe provisional de solicitudes non admitidas.

Segundo denunciou, xa advertiran desta situación no último pleno e preguntaran pola posibilidade de abrir unha nova aula, algo que o grupo de goberno rexeitou sen achegar argumentos sólidos. Vázquez subliñou que esa nova aula está autorizada pola Consellería e podería abrirse para dar resposta á demanda existente.

Desde o BNG propoñen tamén unha reorganización das prazas mediante un novo agrupamento que permita atender as solicitudes en espera.

O grupo nacionalista criticou ademais a tardanza na publicación da acta de baremación, que, segundo explicou o edil, provocou que moitas familias perdesen prazos noutros concellos, podendo quedar sen opcións para conciliar a vida familiar.

Ante esta situación, o BNG esixe ao goberno local medidas urxentes para garantir un servizo público de calidade e adaptado ás necesidades reais da veciñanza.

“A clave está nas prioridades políticas: ou se aposta polo gasto social e os servizos públicos ou se prefire investir en infraestruturas que, en moitos casos, permanecen pechadas co paso do tempo”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.19625496864319