O BNG de Monterroso denuncia a falta de compromiso do goberno local polo atraso en actuacións pendentes

LugoXa
Os nacionalistas critican a inacción en Podente, no rural e no CEIP de Monterroso pese aos compromisos adquiridos en Pleno
Concello Monterroso
23 Jan 2026

O BNG de Monterroso lamenta a falta de seriedade e compromiso do equipo de goberno municipal despois de que dúas actuacións comprometidas continúen sen executarse varios meses despois. O grupo municipal advirte de que no vindeiro Pleno será a cuarta vez que reclame a eliminación e arranxo urxente do vertido existente en Podente, ao tempo que lembra que seguen pendentes melloras en materia de saneamento e alumeado no rural que foron aprobadas en sesión plenaria.

Desde a formación nacionalista insisten en que a defensa dos servizos básicos leva sendo unha das súas prioridades desde antes das eleccións municipais. Segundo explican, desde maio de 2023 veñen reclamando que todas as aldeas conten con electricidade, alumeado público, subministración de auga e rede de saneamento, sen que estas demandas teñan atopado resposta efectiva por parte do goberno local.

O voceiro do BNG, Brais Vázquez, tamén puxo o foco na situación do Rego do Salgueiral, onde a actuación permanece paralizada desde o pasado mes de outubro, co asfaltado levantado e as zanxas abertas. Segundo advertiu, a falta de intervención nun punto que considera prioritario pode provocar novos problemas á veciñanza coa chegada dos temporais, o que cualificou como un exemplo máis dunha forma de gobernar baseada na deixadez.

Especialmente grave, segundo o BNG, é a situación do CEIP de Monterroso e o atraso no arranxo da súa caldeira. Tras un segundo incidente coa antiga instalación, o alcalde asegurou en Pleno que a Consellería solucionaría o problema durante as vacacións de Nadal, algo que finalmente non ocorreu. Os nacionalistas lembran que presentaron unha proposta no Pleno de decembro sobre esta cuestión, que non chegou a debaterse polo compromiso explícito da alcaldía de substituír a caldeira.

Un mes despois, segundo denuncian, o centro educativo continúa sen a nova caldeira, mantendo unha situación de risco nunha época do ano na que a calefacción resulta esencial polas baixas temperaturas. Brais Vázquez recoñeceu que confiar nese compromiso puido ser un erro e advertiu da necesidade de desconfiar máis das promesas realizadas en Pleno.

“O alcalde promete solucións que despois non cumpre, Podente segue abandonado e o CEIP continúa sen a nova caldeira cando no Nadal ía estar resolto”, afirmou o voceiro nacionalista, que concluíu reclamando responsabilidade política. Para o BNG, gobernar implica anticiparse aos problemas e cumprir o prometido, actuando con dilixencia cando xorden dificultades para evitar prexuízos á veciñanza, tanto na vila como no rural.

⚙ Configurar cookies
0.12721109390259