O BNG de Monterroso denuncia ao Concello ante o Consello de Contas por irregularidades económicas

O BNG de Monterroso vén de presentar unha denuncia formal ante o Consello de Contas de Galicia na que se poñen de manifesto graves irregularidades detectadas na liquidación das contas municipais correspondentes aos anos 2023 e 2024.
Segundo explicou o concelleiro nacionalista Brais Vázquez, a decisión adoptouse tras constatar a reiteración de prácticas contrarias á legalidade e os múltiples reparos recollidos pola intervención municipal ata a actualidade. “Levamos meses advertindo de que a xestión económica do Concello non é adecuada e no último pleno constatouse, unha vez máis, esa improvisación no gasto”, subliñou.
Vázquez tamén sinalou que os informes das contas “falan da existencia de contratos menores que superan os límites legais e de prestacións de servizos sen contrato en vigor”. “Todo isto reflicte unha situación de descontrol e opacidade que non podemos tolerar nin como representantes públicos nin como veciñanza”, engadiu.
O documento, acompañado dunha copia dos informes da intervención e das alegacións presentadas polo BNG nas Comisións de Contas, xa foi remitido ao Consello de Contas de Galicia. “Demandamos que se abra unha investigación, que se auditen as contas do Concello, xa que parece que somos incapaces de facelo dende aquí, e que se valoren as actuacións e responsabilidades de cada un. A veciñanza de Monterroso merece unha xestión transparente e rigorosa”, concluíu o concelleiro.