O BNG de Monterroso denuncia o estado ruinoso dun inmoble municipal en Güimil

LugoXa
O grupo nacionalista reclama unha actuación urxente de limpeza e reparación e anuncia unha ordenanza para garantir a conservación do patrimonio edificado
Güimil-Monterroso
30 Aug 2025

O BNG de Monterroso, a través do concelleiro Brais Vázquez Lamazares, realizou unha visita á aldea de Güimil, onde a veciñanza reclama á Alcaldía unha intervención inmediata sobre unha edificación de titularidade municipal que se atopa en estado ruinoso e rodeada de maleza, xerando un evidente risco para os residentes da contorna.

Segundo explicou Vázquez, o inmoble atópase en completo abandono, cunha estrutura deteriorada e cuberta pola vexetación, o que incrementa o risco de incendios e derrubes, especialmente nos meses de verán.

O edil nacionalista criticou a “dobre vara de medir” do goberno local, que obriga aos particulares a manter as súas propiedades en bo estado, mentres que non aplica os mesmos criterios ás instalacións de titularidade municipal.

O grupo nacionalista demanda dúas actuacións inmediatas: a limpeza e reparación máis urxente do inmoble e, nun segundo momento, a súa rehabilitación para destinalo a un uso social que beneficie ao conxunto da veciñanza.

Ademais, anunciou a presentación dunha proposta nos próximos meses para a creación dunha ordenanza municipal de conservación e rehabilitación de inmobles, coa finalidade de establecer obrigas claras tanto para particulares como para o propio Concello.

“O patrimonio municipal debe poñerse ao servizo da xente e non permanecer abandonado nin convertido nun foco de problemas”, subliñou Vázquez, quen defendeu que un espazo como este podería xerar valor social e comunitario, ademais de evitar situacións de abandono como a que se produce na actualidade en Güimil.

RESPOSTA INMEDIATA

Horas máis tarde da denuncia do BNG, o Concello de Monterroso anunciou a próxima poxa pública deste inmoble de titularidade municipal en Güimil, na parroquia de Sucastro. "Trátase dun ben en mal estado de conservación que o goberno local quere recuperar mediante a súa posta en alleamento, co obxectivo de favorecer o seu aproveitamento e contribuír ao desenvolvemento económico e social da contorna", defenderon.

Segundo explicou o executivo municipal, o expediente de alleamento tramitarase conforme á normativa vixente en materia de patrimonio das administracións públicas, garantindo un proceso transparente e baseado nos principios de igualdade de oportunidades e concorrencia.

O prazo para a presentación de ofertas abrirase tras a publicación oficial do anuncio no boletín correspondente, momento a partir do cal as persoas interesadas poderán presentar as súas propostas.

⚙ Configurar cookies
0.15489912033081