O BNG de Monterroso denuncia o imcumprimento da ordenanza que garante a gratuidade das actividades de verán

O Bloque Nacionalista Galego de Monterroso acusa ao goberno municipal de vulnerar a ordenanza aprobada en pleno no mes de xuño de 2024, na que se establecía a gratuidade total das actividades de lecer dirixidas á infancia. Esta normativa incluía expresamente a ocioteca de verán, os campamentos de Semana Santa e verán, os cursos de informática e os cursos de natación.
Segundo o concelleiro do BNG, Brais Vázquez, “resulta inaceptable que agora se impoña ás familias o pagamento de 25 euros polos cursos de natación de verán, cando na ordenanza quedaba claramente recollido que esta gratuidade se mantería vixente sempre que o Concello obtivese as subvencións de corresponsabilidade, algo que xa foi concedido neste 2025”. Vázquez subliña que “non se pode xustificar este cobro cando a subvención está concedida e a ordenanza é clara. Esta decisión supón un retroceso nos dereitos da veciñanza e un incumprimento flagrante dos acordos adoptados polo pleno”.
Desde o BNG esíxese ao executivo local que rectifique de inmediato e respecte a ordenanza, garantindo a gratuidade das actividades para todas as nenas e nenos do municipio. O grupo municipal nacionalista sostén que a normativa segue plenamente vixente e que o cobro da taxa aos usuarios dos cursos de natación podería ser impugnable. “De feito, é curioso que o equipo de goberno non o teña en conta, xa que a ordenanza recolle literalmente esta actividade de natación como incluída entre as gratuítas”, advertiu o voceiro nacionalista.
CONTESTACIÓN DO GOBERNO LOCAL
Desde o Goberno local queren aclarar que se están a confundir conceptos básicos. En primeiro lugar, a natación non depende da Ocioteca, senón do Espazo Cultural Lorenzo Varela. Ademais, a ordenanza que regula esta actividade non é a que indican desde o BNG, senón outra que está plenamente vixente.
Os cursos de natación sempre foron de pago, especialmente os últimos entre os anos 2018 e 2023, agás o ano pasado, cando o Plan Corresponsables os financiou. Este ano, a axuda do Plan Corresponsables reduciuse en máis de 19.000 euros respecto ao 2024, polo que se priorizaron outros servizos como campamentos e a ocioteca.
Desde o Concello aseguran que non se incumpriu ningunha norma, senón que se aplica o que corresponde en cada caso. O Goberno local pide aos nacionalistas que revisen ben as ordenanzas antes de facer declaracións que só xeran confusión.