O BNG de Monterroso pide ao goberno municipal transparencia na xestión da escola infantil
O BNG de Monterroso demanda ao goberno municipal que informe e amose transparencia ás familias usuarias da escola infantil municipal sobre os cobros e a falta de información en canto ás devolucións dos importes das taxas do servizo, xa que as escolas infantís son gratuitas por orde da Xunta de Galiza a partir deste curso 2022-2023.
Brais Vázquez, membro do BNG en Monterroso, explicou “moitas familias están preocupadas por si se lles vai a devolver os pagamentos do servizo, xa que continuaron a efectuar o pago até medidados de decembro debido á lentitude e falta de rigor da xestión do goberno municipal”
Neste senso, Brais Vázquez salientou que "este pagamento débese pola lentitude e incapacidade do goberno municipal, a alcaldía fixo a modificación da ordenanza reguladora deste servizo o 12 de decembro do 2022, tendo constancia que o curso 2022-2023 ía ser gratuito desde xuño e coñecendo no prego de condicións para obter a subvención na súa totalidade, que o servizo debía ser gratuito desde o comezo de curso, polo tanto, xa puxo contra as cordas a estabilidade económica do servizo”
O membro do BNG recalcou “a alcaldía exerce tarde e mal o seu labor, conta con numerosas ferramentas para non chegar a esta circunstancia” e enfatizou “é un tema que precisaba axilidade, puido celebrar un pleno ordinario ou extraordinario, agora está a crear molestias e agravios ás familias, e por riba, nun contexto económico difícil como o actual”
Brais Vázquez sinalou “desde o BNG instamos ao goberno municipal a que amose transparencia e amose información sobre como vai a proceder coas devolucións ás familias, aproveitando o periodo de debate orzamentario e de contas”, concluiu.