O BNG de Monterroso presenta alegacións á nova ordenanza fiscal sobre a taxa de xestión de residuos

LugoXa
"Queremos mellorar unha ordenanza que consideramos insuficiente", declarou o concelleiro nacionalista, Brais Vázquez
Brais-BNG-de-Monterrroso
13 Feb 2025

O concelleiro do BNG de Monterroso, Brais Vázquez, anunciou que presentará alegacións á Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola recollida, transporte, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos.

Esta foi publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 7 de febreiro de 2025 e aprobada inicialmente polo Pleno do Concello en sesión ordinaria o pasado 30 de xaneiro de 2025. A ordenanza está exposta ao público durante un prazo de trinta días hábiles, dentro do cal os interesados poderán presentar reclamacións e suxestións.

Vázquez explicou que o BNG utilizará este prazo legal para presentar as súas propostas e cambios sobre unha ordenanza que foi aprobada sen contar coas súas achegas, tras ser aprobada cunha maioría simple. "Queremos mellorar unha ordenanza que consideramos insuficiente", declarou o concelleiro nacionalista.

O 9 de abril de 2022, a Lei 7/2022 sobre residuos e chans contaminados para unha economía circular (LRSCEC) foi publicada no Boletín Oficial do Estado, establecendo normativa de obrigada aplicación para as entidades locais.

Vázquez destacou que o Concello de Monterroso, desde 2019, está adherido ao "Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía", co obxectivo de mellorar a sostibilidade do municipio e reducir as emisións de CO2 nun 40 % antes de 2030. No entanto, o informe de seguemento apunta que non se realizaron avances entre 2020 e 2022.

En relación co contrato vixente para o servizo público de recollida e transporte de residuos domésticos, Vázquez subliñou que o Concello debería ter tomado decisións previas para garantir o cumprimento da normativa. Aínda así, afirmou que a recollida separada non é suficiente para cumprir cos principios da lei e que é necesario implementar campañas de concienciación entre a veciñanza para garantir a eficacia do sistema.

UNHA COTA FIXA NA TAXA

O concelleiro do BNG tamén se referiu á proposta dunha cota fixa na taxa, sinalando que esta medida non distingue entre os distintos tipos de contribuíntes nin entre o uso ou a capacidade económica dos usuarios. "Establecer unha taxa fixa sen ter en conta estas variables levaría a unha desigualdade na aplicación do servizo", manifestou Vázquez.

Así, propón que se introduzan criterios variables, como a diferenciación nas vivendas ou locais comerciais en función do número de habitantes ou traballadores, a localización dos contedores ou a frecuencia da recollida.

Entre as alegacións presentadas, Vázquez tamén pediu que se inclúan bonificacións de carácter ambiental, como as prácticas de autocompostaxe, ou sociais, que tomen en conta a situación económica das persoas máis desfavorecidas, como as familias numerosas, persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% e familias monoparentais.

"Consideramos que esta ordenanza é moi mellorable e que chega tarde, pois, a pesar de subir os prezos, manterase o servizo tal e como está. Creemos que hai outra forma de xestionar os residuos", concluíu Brais Vázquez.

O BNG de Monterroso seguirá presentando as súas alegacións á taxa, co obxectivo de mellorar a ordenanza e adaptala mellor ás necesidades da veciñanza e do medio ambiente.

0.15317988395691