O BNG de Outeiro de Rei insta a regular a publicidade nas festas tras a aparición dun club de alterne como patrocinador

LugoXa | TerraChaXa
O BNG apunta directamente ao Concello pola ausencia de criterios claros á hora de permitir determinados contidos publicitarios
publicidade-cartel-festas-outeiro
22 May 2025

Outeiro de Rei volve situarse no centro da polémica pola presenza dun club de alterne, supostamente vinculado á prostitución, como entidade patrocinadora das festas de San Martín de Guillar. O BNG fixo pública a súa preocupación a través das redes sociais, sinalando a necesidade dunha regulación ética e clara da publicidade que aparece nos espazos públicos durante celebracións populares.

Desde a formación nacionalista manifestan que comprenden a difícil situación económica das comisións de festas, que moitas veces deben afrontar a organización con recursos limitados e escasa colaboración institucional. Precisamente por esa falta de apoio económico, moitas acaban recorrendo a patrocinios de empresas ou negocios que, segundo o BNG, “non son compatibles cos valores que deben transmitir unhas festas populares e abertas a toda a cidadanía, incluídas as crianzas”.

O BNG apunta directamente ao Concello pola ausencia de criterios claros á hora de permitir determinados contidos publicitarios nos carteis festivos ou noutros espazos públicos. Por iso, solicita ao goberno municipal que estableza “uns mínimos éticos e sociais” para evitar que se repitan casos coma este.

Ao mesmo tempo, reclaman que o Concello incremente as axudas ás comisións organizadoras e asociacións culturais, dotándoas de mecanismos transparentes e obxectivos para acceder a financiamento, co fin de que non teñan que depender de colaboracións que poidan xerar controversia ou resultar inadecuadas.

Non é a primeira vez que se produce unha situación semellante no municipio. En anos anteriores xa se criticara a presenza de publicidade doutros locais deste tipo, mesmo nun valado no campo de fútbol municipal, cuestión que foi levada a pleno polo propio BNG.

“Queremos unhas festas para todos e todas, inclusivas, respectuosas e alegres, que conten con regras claras no acceso aos recursos públicos e na publicidade permitida. Non todo vale”, conclúen os nacionalistas.

⚙ Configurar cookies
0.17345595359802