O BNG de Outeiro quere que o Concello reclame os bens de uso público da Igrexa

TerraChaXa | LugoXa
O BNG de Outeiro presentou unha moción para o pleno na que insta ao Concello a que faga “un estudo exhaustivo dos bens que a Igrexa Católica.
concelleiros bng outeiro de rei
19 Feb 2021

Dende o BNG de Outeiro vénse de presentar unha moción para o pleno do próximo día 25 para instar ao Concello a que faga “un estudo exhaustivo dos bens que a Igrexa Católica rexistrou ao seu nome entre os anos 1998 e 2015, delimitando claramente os que están destinados ao culto relixioso e os que son de uso público de todos os veciños e veciñas”.

Ao mesmo tempo, tamén se solicita que no caso daqueles bens que son de uso público e que nada teñen que ver co culto relixioso, se proceda a reclamalos para o patrimonio público, utilizando para elo todas as ferramentas legais das que dispoña.

“É obrigación do Concello defender os intereses de todos os veciños e veciñas e dentro desa defensa está evitar que ninguén se apropie de bens públicos. O concello non pode mirar para outro lado sen estudar esta actuación.”, afirmou o concelleiro do BNG.

PROPIEDADES

Dáse a circunstancia de que moitas destas propiedades que a Igrexa rexistrou ao seu nome son bens que foron comprados polo conxunto da veciñanza, sen que a igrexa puxera nada para a súa adquisición.

Noutros casos, trátase de bens que están a ser xa de uso público non relixioso dende hai moitos anos, propiedades nas que incuso o seu mantemento recae sobre o concello dende hai moitos anos.

“Incluso o concello ten feito obras e construcións nesas propiedades, sen ningunha autorización nin participación da igrexa nelas, sendo esa a mellor proba de que se trata de bens públicos”, continuou Xosé Ferreiro.

Información ás Asociacións de Veciños/as

Dende o BNG tamén se pasará o listado destes bens inmatriculados pola Igrexa ás AAVV das parroquias, por se se consideran prexudicados por estas actuacións da Igrexa e se queren persoar, sobre todo se se producira unha inacción do concello neste tema.

“Ábrese unha oportunidade de corrixir a barbaridade que significou esta lei de Aznar e non podemos permitir que veciñanza perda dereitos sobre as súas propiedade pola inacción do Alcalde”, rematou Xosé Ferreiro.

0.11332201957703