O BNG de Outeiro reclama a limpeza das cunetas e o desbroce en curvas perigosas

TerraChaXa | LugoXa
O BNG de Outeiro presentou unha moción para que proceda á limpeza das cunetas así como ao desbroce urxente dos cruces e curvas perigosas.
sinal stop o outeiro maleza
29 Xuño 2021

O BNG de Outeiro de Rei presentou unha moción no Pleno para que proceda á limpeza das cunetas así como ao desbroce urxente dos cruces e curvas perigosas.

Segundo explican, neste momento, na maioría destas pistas resulta imposible que se crucen dous coches, tendo que parar obrigatoriamente un deles para que poida pasar o outro. "Ademais disto, tanto nas curvas un pouco pechadas como nos cruces, a visibilidade é practicamente nula, o que provoca situacións constantes de perigo que poden provocar un accidente en calquera momento", din.

Engade que para os peóns, a situación é aínda moito peor, pois ao ter que camiñar pola calzada, cando se achega algún coche teñen que meterse á cuneta por riba das herbas, "as cales lles chegan ata cintura, se non queren correr o risco de ser atropelados, risco que se incremente pola falta de visibilidade existente".

"Toda esta situación agrávase máis nas parroquias que non gozan do “favor” do alcalde e concelleiros  responsables desta área, pois neses casos a limpeza non se leva a cabo ata finais do verán, cando xa a maleza está desaparecendo por si soa, o que fai que teñan que pasar todo o verán soportando esta situación2, conclúen.

Acusan desta situación "á nefasta planificación do traballo e ás decisións políticas do alcalde, o cal prefire ter o persoal do concello parado en moitas épocas do ano no canto de telo traballando na limpeza das pistas. Ao mesmo tempo, tamén toma a decisión política de investir os recursos do concello noutro tipo de obras faraónicas que só interesan a unha pequena parte da poboación no canto de atender a estas necesidades urxentes do conxunto da veciñanza. Son decisións políticas que indican a forma de gobernar do PP de Outeiro e do seu alcalde".

0.19175004959106