O BNG de Outeiro reclama ao alcalde o debroce das estradas

O BNG de Outeiro de Rei pídelle ao seu alcalde que faga no Concello "o mesmo que esta a esixir á Deputación de Lugo, que cumpra coas súas responsabilidades e comence o desbroce nas estradas do termo municipal".
Tal e como asegura a concelleira Noelia Fompedriña, nos últimos anos, dende o Concello de Outeiro de Rei, o desbroce das pistas faise mesmo xa rematado o verán e avanzado outono, cando o recomendado sería facelo iniciada a primavera, e asegura que nalgunha parroquia do Concello o desbroce en 2024 chegou o mes de outubro.
"En Outeiro xa vivimos semanas nas que resulta arriscado circular polas estradas municipais: ademais de que nalgunhas curvas a visibilidade é limitada, a falta de desbroce incrementa o perigo", explica a concelleira nacionalista, que afirma que isto mesmo chegou a provocar accidentes en anos pasados.
"Ademais para os peóns a situación aínda é moito peor, pois ao ter que camiñar pola calzada e querer apartar para a cuneta e imposible pois non es quen de saber onde está a cuneta por non ser visible”.
Dende o BNG de Outeiro de Rei critican esta falta de planificación, así como "a demagoxia do Sr. Pardo que como deputado provincial esixe á Deputación algo que no seu concello el é incapaz de levar adiante, a nefasta planificación do traballo xunto coas súas decisións políticas de inverter recursos do concello en obras faraónicas que despois non se rematan, levan a que os traballos de mantemento das estradas non se poidan realizar” conclúe Noelia Fompedriña.