O BNG de Palas de Rei organiza unha charla sobre o tratado UE-Mercosur e a macrocelulosa de Altri

O BNG de Palas de Rei organizará este venres 10 de abril ás 19:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura unha charla informativa para analizar as consecuencias do tratado entre a Unión Europea e o Mercosur, así como o seu posible impacto en Galicia. Durante o acto abordaranse tamén o traballo desenvolvido desde o Parlamento Europeo para conseguir a paralización do proxecto da macrocelulosa de Altri.
A xornada contará coa participación da eurodeputada Ana Miranda e do deputado no Parlamento galego Secundino Fernández. O obxectivo é explicar o que supón este acordo para o país, que vai máis aló dun simple acordo comercial, e as ameazas que pode representar para o sector agrogandeiro da comarca da Ulloa, do que dependen moitas familias.
Ademais, analizarase o arquivo do expediente da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, considerado un gran triunfo da cidadanía e unha derrota do Goberno do Partido Popular, que defendía o espolio dos recursos galegos e a contaminación do territorio en favor dunha empresa portuguesa.
Con esta actividade, o BNG pretende abrir un espazo de debate e información dirixido á veciñanza, co fin de dar a coñecer tanto os efectos do tratado Mercosur na comarca como tamén a paralización do proxecto de Altri.