O BNG de Palas de Rei reuniuse coa eurodiputada Ana Miranda para falar sobre Mercosur e Altri

LugoXa
No acto puxéronse en valor as mobilizacións sociais e o compromiso da veciñanza da Ulloa e doutras comarcas que se implicaron activamente na defensa do territorio
reunion-altri-mercosur-palas-de-rei
11 Apr 2026

O BNG de Palas de Rei celebrou este venres, ás 19.00 horas, unha xuntanza informativa no salón de actos da Casa da Cultura coa participación do responsabel local de Palas de Rei, Rubén Lois; do deputado galego Néstor Fernández e da eurodeputada Ana Miranda, na que se analizaron as consecuencias do tratado entre a Unión Europea e o Mercosur, o seu posible impacto en Galicia e o traballo desenvolvido desde o Parlamento Europeo para conseguir a paralización do proxecto da macrocelulosa de Altri na comarca.

Durante o encontro abordouse a preocupación existente polo acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur, un tratado que, segundo advertiron desde o BNG, vai moito máis alá dun simple pacto comercial e pode ter consecuencias moi negativas para sectores produtivos estratéxicos do país. Neste sentido, sinalaron que na comarca da Ulloa o sector agrogandeiro é unha actividade fundamental da que viven moitas familias, polo que a entrada de produtos procedentes doutros países con menores esixencias sanitarias, ambientais e laborais supón unha ameaza directa para o futuro do rural galego.

A xuntanza tamén serviu para analizar a situación do proxecto da macrocelulosa que a empresa portuguesa Altri pretendía instalar en Palas de Rei. Neste contexto, destacouse o recente arquivo do expediente como un “importante triunfo da cidadanía”, froito da mobilización social e do traballo político e institucional desenvolvido durante meses.

Desde o BNG sinalaron que esta decisión supón tamén “a derrota dun modelo industrial imposto polo Partido Popular”, ao que acusaron de apostar por un modelo baseado no que cualificaron de “franquismo industrial”, que prioriza os intereses de grandes empresas por riba da defensa do territorio, dos recursos naturais e do futuro do medio rural galego.

No acto puxéronse en valor as mobilizacións sociais e o compromiso da veciñanza da Ulloa e doutras comarcas que se implicaron activamente na defensa do territorio. Segundo destacaron as persoas participantes, esta loita demostra que a organización e a mobilización cidadá son ferramentas fundamentais para defender a terra, o medio ambiente e os sectores produtivos que sustentan a economía e a vida no rural galego.

Dende o BNG reafirmaron o seu compromiso de seguir traballando nas institucións e tamén da man da sociedade para defender os intereses de Galiza e garantir un modelo de desenvolvemento que respecte o territorio, o medio ambiente e o futuro das comarcas rurais.

0.12697505950928