O BNG de Pol reclama á Xunta que deixase sen investimentos ao Concello no orzamento de 2026

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A organización nacionalista afirma que esta falta de investimentos xera un profundo malestar entre a veciñanza
blanca-fernandez-candidata-bng-pol
9 Jan 2026

O BNG de Pol denunciou que o Partido Popular deixou ao Concello de Pol sen ningún tipo de investimento nos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026. Segundo sinalan desde a formación nacionalista, tras revisar a publicación do Diario Oficial de Galicia do pasado 31 de decembro de 2025, comprobaron que as contas elaboradas polo goberno presidido por Alfonso Rueda non recollen nin un só euro destinado ao municipio.

Desde o BNG aseguran que esta situación supón que diversas competencias propias da Xunta en Pol queden completamente desatendidas. Entre os exemplos citados atópanse a mellora e o acondicionamento do tramo Mosteiro-Rioxoán da estrada autonómica LU-750, a concentración parcelaria de Hermunde, o mantemento da ruta de sendeirismo da Fraga do Romeor, así como actuacións de mellora no colexio de Mosteiro ou a actualización e modernización da rede de telecomunicacións.

A organización nacionalista afirma que esta falta de investimentos xera un profundo malestar entre a veciñanza, ao considerar que se trata dunha discriminación que se vén repetindo nos últimos anos e que prexudica o desenvolvemento do concello.

Así mesmo, o BNG de Pol critica a actitude da voceira e parlamentaria do Partido Popular no municipio, á que acusan de non defender as demandas dos veciños e veciñas e de antepoñer a disciplina do seu partido aos intereses da poboación local. Segundo indican, esta postura tradúcese en deixar ao Concello de Pol fóra dos Orzamentos da Xunta para 2026, ignorando as necesidades reais do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.079113006591797