O BNG defende a autonomía da Escola de Enfermaría de Lugo

LugoXa
Valcárcel reclama garantir a independencia do centro e advirte dunha “merma de capacidades” para Lugo; mentres que a Xunta asegura que o cambio é só administrativo e garante o seu futuro
Montse-Valcarcel-Escola-de-Enfermaria-de-Lugo
5 Nov 2025

A deputada do BNG por Lugo, Montse Valcárcel, reivindicou a continuidade da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo como centro autónomo adscrito á Universidade de Santiago de Compostela en condicións de igualdade, sen dependencia da Facultade compostelá.

Durante a súa intervención, advertiu que a autonomía universitaria non pode funcionar como un “cheque en branco para eliminar estruturas propias de Lugo” e acusou á Xunta de usar á universidade como escudo para “xustificar unha centralización burocrática que prexudica a equidade territorial”.

Valcárcel insistiu en que o centro conta cun claustro “capacitado para manter a Escola e avanzar cara á súa consolidación como Facultade propia”, ao tempo que criticou ao PP por promover novos graos privados na Coruña mentres, ao seu xuízo, se frea a oferta pública en Lugo. “Privatízase na Coruña mentres se desmantela en Lugo”, afirmou, e preguntouse se esta situación está vinculada á negativa a recoñecer os dereitos do territorio lucense.

A nacionalista advertiu que a proposta de Xunta e USC “poñería en risco un legado de máis de cincuenta anos de formación sanitaria en beneficio do sistema público galego” e que converter o centro nunha sección dependente de Santiago suporía “unha perda de capacidade institucional, de xestión e de autonomía para Lugo”. Tamén destacou a cualificación do profesorado —máis do 58% con doutoramento— e a elevada demanda educativa, que supera as prazas ofertadas, para defender que o modelo actual é viable e debe reforzarse.

A deputada sinalou que entidades profesionais, o alumnado e as administracións locais e provincial comparten a petición de manter a estrutura independente, e lembrou que existen precedentes na propia USC para centros duplicados como os de ADE. Por iso, reclamou ao conselleiro de Educación un “compromiso claro” para asegurar que Lugo manteña a súa Escola como centro autónomo e con opción a evolucionar cara a facultade.

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, apelou á tranquilidade e reiterou o “compromiso absoluto” da Xunta coa Escola de Enfermaría de Lugo. Explicou que o novo real decreto universitario estatal obriga a que nun prazo de cinco anos a metade do profesorado sexa doutor a tempo completo, o que cualificou como “a verdadeira ameaza para o centro” e motivación para adoptar “medidas inmediatas”.

Rodríguez puxo en valor o acordo das universidades galegas para integrar os centros adscritos como unidades de pleno dereito no Sistema Universitario de Galicia e asegurou que o cambio responde só a cuestións administrativas e de organización para cumprir coa normativa estatal e coas esixencias da Axencia Galega de Calidade Universitaria. Tamén criticou a “dobre vara de medir” da oposición e lembrou precedentes como o da Escola de Relacións Laborais, que pasou a funcionar como unha única facultade con dúas sedes.

Ademais, o conselleiro destacou o compromiso da Xunta con Lugo a través do impulso ao Campus Terra e da creación de novas titulacións como Bioquímica e Robótica, iniciativas que contribuíron a cambiar a tendencia de matrícula na cidade. Valcárcel concluíu pedindo “xustiza, igualdade e respecto ao futuro educativo e sanitario de Lugo”.

⚙ Configurar cookies
0.071384906768799