O BNG defende a oposición a Altri na Comisión de Industria do Congreso
O deputado do BNG, Néstor Rego, defendeu a necesidade de que o Goberno do Estado sexa estritamente rigoroso no cumprimento dos requisitos e criterios establecidos para a percepción dos fondos do PERTE da descarbonización, en relación ao proxecto presentado por Altri para a instalación da macrocelulosa en Palas de Rei. Unha iniciativa, explica Rego, que pretendía o posicionamento público das forzas políticas con representación na cámara baixa xa que o proxecto “non se axusta aos criterios para a percepción destas axudas. Lamentabelmente, a iniciativa do BNG contou cos votos en contra de Partido Popular e Partido Socialista.
Do aprobado no Parlamento de Galiza en 2022, para a instalación dunha fábrica téxtil, ao proxecto actual presentado pola empresa lusa houbo modificacións substanciais. A actual previsión presentada por Altri é a construción dunha macroplanta de celulosa líquida en Palas de Rei, na comarca da Ulloa. Este proxecto, ademais, pretende ser financiado con fondos públicos “a través da captación de fondos europeos, de 250 millóns de euros, co PERTE da descarbonización”.
A solicitude da empresa portuguesa, segundo sinala o deputado do BNG “non se axusta cos criterios para percepción destes fondos que deben ir destinados a proxectos que contribúan a economía circular e se axuste a criterios de sustentabilidade”. Por este motivo, a organización nacionalista levou a debate e votación unha iniciativa. “Queremos un posicionamento público das forzas políticas contra un proxecto moi negativo para o noso País. Queremos que o goberno sexa estritamente rigoroso no cumprimento dos requisitos e criterios estabelecidos para a percepción dos fondos do PERTE de descarbonización”.
Durante a Comisión de Industria do Congreso, o deputado do BNG evidenciou “as dúas visións diferentes do que debe ser a industrialización da Galiza”. A do Partido Popular, sinalou Rego, é a de defender os intereses dunha empresa, mesmo actuando na cámara baixa como “os seus Relacións Públicas” mentres que a do BNG é a de “defender o interese xeral”.
Piden explicacións a Rueda
Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitará a quenda de preguntas ao presidente do vindeiro Pleno para pedir explicacións a Alfonso Rueda sobre a súa postura respecto á macro celulosa que Altri quere instalar en Palas. Tal e como adiantou a viceportavoz do Bloque, Olalla Rodil, tras a reunión da Xunta de Portavoces, “o PP ten que explicar por que teima en impoñer un proxecto contaminante destas características, que quere instalarse en Galiza porque en Portugal non o queren e que vai supoñer un enorme prexuízo para centos de empresas que desenvolven a súa actividade e sosteñen moitos postos de traballo na comarca da Ulloa e na ría de Arousa”.
A pregunta de Pontón ao presidente producirase xusto tres días despois da manifestación convocada en Palas de Rei para rexeitar a implantación da fábrica de Altri na comarca da Ulloa, un proxecto -precisou Rodil- ao que se opón a veciñanza desta comarca e da Ría de Arousa, o movemento ecoloxista máis tamén o tecido económico e produtivo da zona, a comezar polas denominacións de orixe protexida Arzúa Ulloa e Tetilla.