O BNG defende en Lugo o parque do Rato fronte á construción da Rolda Leste
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, visitou este martes Lugo xunto coa cabeza de lista Olalla Rodil e concelleiras e concelleiros do BNG en Lugo. Con este encontro a formación política pretende defender a protección do parque do Rato –conformado por 4 quilómetros de senda verde e bosque autóctono- “fronte á destrución que pretende acometer o PP mediante a continuación da denominada rolda leste nunha zona que é reserva da Biosfera e de especial protección”.
A eurodeputada do Bloque subliñou o traballo desenvolvido polo BNG nestes catro anos por facer de Lugo unha cidade máis sustentable, un labor “que será continuado pola Xunta de Galiza a partir do 18 de febreiro cando Ana Pontón sexa presidenta". Neste sentido salientou que é preciso preservar a zona do río Rato "como pulmón verde de Lugo" fronte a modelos anacrónicos como o que defende o Partido Popular, propios do século XX e non do XXI.
Ana Miranda salientou que os proxectos a desenvolver teñen que ser respectuosos co medio ambiente, tal e como demanda Bruxelas. "O PP non pode pretender destruír unha carballeira mentres pretende construír unha ponte para os coches", sinalou. "Lugo é unha cidade que avanzou moito grazas ao BNG, o que pretende facer o PP é todo o contrario", engadiu Miranda, que destacou que cando o BNG goberne a Xunta "o País avanzará e mellorará igual que o fan as cidades e vilas nas que gobernamos". A eurodeputada chamou a votar masivamente ao Bloque para “facer historia” facendo que o País colla outro rumbo cara unha Galiza cun goberno, do BNG, que resolva os problemas e mellore a vida da xente.