O BNG defende o seu proxecto para que a Xunta financie a creación do Gran Parque Central

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG continuará facendo unha intensa campaña "incluirá accións a pé de rúa e iniciativas en diversas institucións como o Parlamento Galego", e que permitirá avanzar "na transformación urbana da cidade creando un gran parque verde de máis de 27.000 metros cadrados, integrando os xardíns da Praza da Constitución e conectando coa Praza de Bretaña e o Vello Cárcere".
O BNG ten unha proposta clara para este espazo e Xunta de Galiza debe facer o financiamento para esta obra. Xa se levan recollido máis de mil sinaturas e Rubén Arroxo destacou que o Gran Parque Central suporá unha transformación importante para Lugo, creando un gran pulmón verde integrado no casco histórico e ao pé da Muralla. A proposta feita polo BNG inclúe a creación dun paso soterrado para vehículos que una a rúa Dinán e a avenida Anxo López Pérez "eliminando na práctica o tráfico rodado nesta zona", explicou Arroxo.
O BNG propón tamén a creación dunha parada para as liñas de transporte interurbano que desexen parar nesta zona da cidade, mantendo o resto do espazo como o que definiu "o Parque Central de Lugo, unha nova praza verde integrada no casco histórico".
A proposta defendida polo BNG reclama á Xunta de Galiza que elabore este proxecto "buscando consenso social e político", e afirmou que "coa renovación do espazo da actual Estación de Autobuses, a Xunta ten que aproveitar a oportunidade de demostrar que quere investir en Lugo e mellorar a cidade".