A folga da limpeza volveu ser a protagonista na xornada deste mércores
O BNG defenda no vindeiro pleno provincial unha proposta de goberno en apoio á mellora das condicións das traballadoras da limpeza de Lugo, que levan máis dun mes en folga para reclamar un convenio digno.
A deputada de Cultura Iria Castro, que este mediodía se sumou a unha manifestación das traballadoras pola cidade de Lugo xunto a concelleira de Participación Social e Servizos á Veciñanza Cristina López e a outras representantes do BNG, expresou “o apoio da formación nacionalista ás reivindicacións das traballadoras da limpeza, que denuncian unhas condicións inadmisibles con táboas salariais inferiores ao marcado polo SMI” e “que a súa loita interpela a toda a sociedade, e especialmente ás mulleres, xa que son os sectores feminizados os que máis sufren a precariedade laboral”.
A proposta presentada para debate no vindeiro pleno provincial reclama ás patronais CEL e ASPEL unha actitude negociadora áxil e dialogante que facilite un acordo entre as partes e insta á Xunta de Galiza a mediar no conflito e garantir unhas condicións laborais e salariais dignas para as traballadoras, no marco das súas competencias en materia laboral.
As traballadoras do sector da limpeza de Lugo están en folga indefinida para esixir unha mellora nas súas condicións laborais e salariais desde o 16 de outubro. O sector da limpeza privada na provincia de Lugo é un sector que dá emprego a 1.800 traballadoras e traballadores, moitas delas empregadas de concesionarias dos servizos de limpeza das administracións.
ENCONTRO MULLERES CIG
O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu onte tamén o XIII Encontro de Mulleres da CIG, unha xornada de formación e debate organizada pola Secretaría Confederal de Mulleres da CIG no camiño cara ao 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
A deputada de Iria Castro deu a benvida ás participantes nesta xornada que se desenvolveu baixo o lema Non hai violencia que nos pare na conquista da igualdade e na que se abordou a precariedade das traballadoras de sectores feminizados como a limpeza, que leva máis dun mes en folga para reclamar un convenio digno.
Iria Castro coincidiu en sinalar “a precariedade laboral como unha forma de violencia contra as mulleres” e mostrou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo “ás demandas das traballadoras da limpeza que levan máis dun mes en folga para reclamar un convenio digno”.
O DELEGADO MANDOU MOVER A CARAVANA
A CIG mostrou o seu malestar pola actitude do delegado territorial da Xunta en Lugo, e da alcaldesa da cidade, con respecto ás traballadoras da limpeza que levan máis dun en folga en demanda dun convenio digno.
As traballadoras instalaron na mañá deste martes unha caravana reivindicativa diante da explanada do edificio multiusos da Xunta co obxectivo de darlle visibilidade á súa loita e reclamar a intervención da administración autonómica.
Para levar adiante esta acción solicitáronse os permisos pertinentes e aínda que as traballadoras puideron iniciar a súa protesta sen ningún incidente, unhas horas despois, a policía autonómica ordenáballes retirar o vehículo da praza na que estaba estacionada e movelo cara unha zona de parada de taxis.
Coincide que esta praza está reservada e é de uso exclusivo para o delegado territorial da Xunta. "Dá a impresión de que a Javier Arias lle molestaba ver as traballadoras da limpeza facendo uso da súa praza para reivindicar algo tan xusto como un salario digno. Parece evidente que lle causa molestia a loita destas compañeiras", critica Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos. Lamenta que se chegara mesmo á recorrer á policía autonómica para trasladar a caravana cando este corpo non ten competencias sobre tráfico.
Para Castiñeira esta decisión é consecuente coa postura mantida até agora pola Xunta neste conflito, obviando a responsabilidade da administración galega a pesar de ser a principal contratista das empresas da limpeza que integran a patronal estatal ASPEL, que ten secuestrada a negociación e que pretende impor un convenio con táboas por debaixo do SMI e con recortes de dereitos.
Neste senso, a representante sindical subliña que a caravana non molestaba a ninguén e que o edificio conta con aparcamento soterrado con prazas reservadas para o persoal da Xunta das que podería facer uso Arias en caso de necesitalo.
Doutra banda, a CIG rexeita as declaracións realizadas este martes pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciando que se van ampliar os servizos mínimos nalgúns colexios. A central considera que son suficientes e non cabe estabelecer unha actividade maior xa que se estaría vulnerando o dereito fundamental á folga das traballadoras. "Menos aínda cando, á vista da actitude patronal, esta é a única ferramenta que lles queda ás traballadoras para conseguir unhas condicións de dignidade".
Incrementar os servizos mínimos, matiza Castiñeira, axudaría ademais a deixar sen efecto a folga, boicoteando así a loita que as traballadoras están sostendo dende hai máis dun mes, e sen recibir ningún apoio por parte das administracións.
O PP REPLICA Á ALCALDESA
O PP replica á alcaldesa que os reforzos que anuncia para mellorar a limpeza nos colexios chegan tarde e son insuficientes.
"O mantemento dos centros públicos de Educación de Infantil e Primaria de Lugo son competencia do Concello e é a área de educación do BNG a responsable dos problemas de limpeza que se están producindo como consecuencia da folga do sector.
"Os reforzos que anuncia de forma precipitada a alcaldesa para solucionar os problemas de salubridade que se están xerando nas aulas e dependencias destes edificios chegan tarde e son insuficientes", afirman.
"Como pode dicir Lara Méndez que só reforza persoal en dous colexios, no Illa Verde e no Quiroga Ballesteros, porque descoñecía a situación dos demais? Ou ben falta á verdade, xa que ten persoal municipal (os conserxes) traballando nos colexios e ademais dúas comunicacións da Xunta, do 27 de outubro e do 20 de novembro advertíndolle desta situación, ou ben, como non é unha área da súa responsabilidade senón do BNG, ponse de perfil", engaden.