O BNG defendeu no pleno municipal unha iniciativa en favor da veciñanza de Coeses
Rubén Arroxo, portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, defendeu no pleno municipal a proposición que reclama á Xunta que retire a clasificación de iniciativa empresarial prioritaria á planta de biometanización proxectada en Coeses.
Arroxo explicou que esta declaración permite "reducir á metade os trámites administrativos necesarios para a construcción desta planta, trámites como a Avaliación de Impacto Ambiental faranse pola vía rápida se a Xunta mantén esta declaración", e engadiu "isto fíxose aínda cun proxecto que recoñece que emitirá cheiros e gases contaminantes á veciñanza da contorna".
Rubén Arroxo dirixiuse na súa intervención ás veciñas e veciños da zona, e afirmou que "sodes un orgullo, estades paralizando algo lesivo para Lugo co voso traballo".
O BNG mantén o seu compromiso de traballar "desde todas as institucións para paralizar este proxecto". Arroxo lembrou que xa se trasladaron iniciativas ao Parlamento Europeo "para evitar que esta planta reciba fondos da UE para a súa posta en marcha" e anunciou que a retirada do proxecto da listaxe de iniciativas prioritarias da Xunta se levará tamén ao Parlamento Galego da man do BNG.
A empresa recoñece no seu proxecto para a construcción da planta que emitirá cheiros e gases contaminantes e o verquido de 76,7 metros cúbicos de augas residuais ao regato de Vilalbite con posterior desprazamento ao río Miño. O tratamento destas augas foi considerado ineficiente por parte da CHMS, o que fixo que este proxecto fose informado desfavorablemente, dado que este regato conta con pouco caudal de auga, especialmente nos meses estivais.