O BNG demanda o amaño urxente da ruta a Penas de Rodas

TerraChaXa | LugoXa
O BNG faise eco das protestas de veciños do Concello de Outeiro de Rei debido ao estado no que deixan os camiños as madeireiras.
ruta pena de rodas outeiro
10 Mar 2021

Unha vez máis volven a producirse protestas de persoas do Concello de Outeiro de Rei debido ao estado no que deixan os camiños as empresas madeireiras despois de rematar os seus traballos.

Neste caso trátase da ruta de sendeirismo de Penas de Rodas, onde os autocargadores e procesadoras destas empresas usan os sendeiros de terra no canto da estrada porque lles é máis cómodo, facendo que estes queden totalmente intransitables.

Dende o BNG manifesta que "xa vai sendo hora de que dende o Concello se poña orde e obrigue a este tipo de empresa a facer o seu traballo con responsabilidade, usando as estadas máis axeitadas e, sobre todo, deixando os camiños, cunetas e demais propiedades municipais como estaba antes de comezar os traballos".

NORMATIVA

O concello vén de aprobar unha normativa para o traballo que fan estas empresas, normativa que o BNG xa solicitara no ano 2017, negándose daquela o alcalde a poñela en vigor.

Agora, o Concello aprobou outra, pero deixa fóra desta nova regulamentación a obriga de reparación de danos nos camiños forestais e de terra, precisamente aqueles que son máis afectados por estes traballos.

“Dende o BNG, loxicamente, non nos opoñemos a que estas empresas fagan o seu traballo, pero a realidade é que se unha persoa do concello provoca un dano nun ben municipal teno que reparar e o xusto sería que neste caso se actuase igual. Porque sexan amigos do alcalde non ten que exoneralos de reparar os danos que provoquen”, continuou o concelleiro do BNG,

INICIATIVAS URXENTES

Dende o BNG vaise solicitar urxentemente que se proceda á reparación desta ruta, xa que ten unha catalogación estatal que sería moi grave que se perdese debido ao estado no que está.

“Urxe moito a súa reparación, non só para que volva a estar operativa esta ruta, senón tamén para que non se vaia producir unha denuncia e lle saquen a catalogación que ten neste momente, cuestión que sería moi negativa para o concello” rematou Xosé Ferreiro.

0.18609309196472