O BNG demanda un profesor máis de portugués para a EOI de Lugo
A responsable de Relacións Exteriores e Lusofonía do BNG, Iria Taibo, denunciou na comisión de Cultura, a eliminación inxustificada dunha praza de profesorado de portugués na Escola Oficial de Idiomas de Lugo, "malia a que a decisión da Consellería de Educación vai en contra dun dos principais obxectivos da Lei Paz-Andrade, o fomento da aprendizaxe da lingua portuguesa en Galicia", advertiu.
Así, din que o PP votou en contra da proposta do BNG, que demandaba a recuperación da praza para o curso 2025-2026, ademais da posta en marcha nas Escolas Oficiais de Idiomas dunha campaña sobre as vantaxes da aprendizaxe do portugués, de acordo cos obxectivos da Lei Paz-Andrade, que que foi aprobada hai agora 10 anos por unanimidade no Parlamento Galego, derivada dunha Iniciativa Lexislativa Popular que contou co apoio de máis de 17.000 sinaturas.
Taibo insistiu en que os propios obxectivos da Lei Paz Andrade deberían obrigar a Consellería de Educación a “facilitar, ampliar e aumentar as prazas de alumnado e de profesorado de portugués”. “Non entendemos a redución de prazas nin a limitación da ensinanza do portugués nas EOI”, expresou.
“Gustaríanos que non se retroceda nos avances que xa se fixeron porque existe unha demanda da mocidade para estudar portugués”, asegurou. “O Goberno terá que facer algún esforzo para traballar esa demanda”, manifestou, para advertir que “se se reducen profesores, será moi difícil que a oferta poida medrar”.
Por outro lado, a deputada nacionalista, argumentou na súa exposición que os datos de matrícula da EOI de Lugo non xustifican a eliminación da praza porque xa no curso pasado as cifras estaban consolidadas, con entre 80 e 100 alumnos e alumnas inscritas en lingua portuguesa nos últimos cinco anos.
Explicou ademais que o ano pasado en alemán había 57 alumnos e 3 profesores, mentres en portugués, con 82 estudantes, eliminouse un. Este ano, alemán ten 73 alumnos e 3 profesores e portugués subiu a 96 matriculados, contando con dous profesores.
Resposta do Partido Popular
O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luís Ferro, asegurou no Parlamento de Galicia que “toda a demanda existente de alumnado que estuda ou quere estudar portugués na Escola Oficial de Idiomas de Lugo está cuberta” e asegurou que, “unha vez pechado o prazo de matrícula para o presente curso, quedan prazas libres en todos os grupos”.
José Luís Ferro explicou que “a oferta ordinaria de niveis de portugués na Escola Oficial de Idiomas de Lugo non se viu reducida respecto ao pasado curso, ofertándose niveis A2, B1, B2, C1 e C2 que dan continuidade ao alumnado do curso pasado dos distintos niveis”. “O que se fixo foi optimizar a oferta conforme á demanda real e á vista de que nestes anos o alumnado non medrou”, apuntou. N
a actualidade, a EOI de Lugo conta con dous docentes con destino definitivo da especialidade de portugués, “o que supón unha plantilla de persoal docente suficiente para cubrir os 8 grupos que actualmente contan con matrícula”, concluíron.