O BNG denuncia a falta de compromiso da Xunta coa conservación das pallozas de Piornedo

O BNG volveu trasladar ao Parlamento a preocupación da veciñanza de Piornedo pola situación das pallozas da zona e reitera a súa demanda á Xunta de Galicia para que cumpra as promesas feitas en relación á súa conservación.
A deputada nacionalista Olalla Rodil esixiu aclaracións sobre a achega que o Goberno galego está disposto a realizar para garantir a preservación deste emblemático patrimonio.
Rodil recordou que as pallozas requiren un gran esforzo para o seu mantemento, especialmente tendo en conta a escaseza de palla e teitadores, o que fai moi difícil, cando non imposible, asegurar a súa conservación. "A veciñanza de Piornedo non pode seguir soportando en solitario o peso deste patrimonio tan valioso", afirmou.
A deputada do BNG tamén fixo referencia a unha pregunta formulada no mes de febreiro no Pleno do Parlamento ao conselleiro de Cultura, na que se demandaban dúas medidas concretas para mellorar a situación:
-
Avaliar os danos actuais nas pallozas con persoal técnico de Patrimonio e deseñar un plan urxente para a recuperación dos teitos e rehabilitación das pallozas, freando o seu deterioro.
-
Recuperar as axudas anuais para garantir a conservación das pallozas e evitar que pasen anos entre unha restauración e outra.
A pesar das promesas feitas polo conselleiro de Cultura, que asegurou estar "en disposición de colaborar", máis dun mes despois, a Xunta non só non presentou ningunha axuda, senón que nin sequera respondeu á solicitude de reunión realizada polo BNG desde a Deputación de Lugo. "Isto amosa o nulo interese do Goberno galego nas pallozas e no seu apoio á súa conservación", subliñou Rodil.
A Directora Xeral de Patrimonio tamén deixou claro que, desde a Consellería de Cultura, non se destinará ningún tipo de financiamento ás persoas propietarias das pallozas. Rodil lembrou que, a pesar de que a veciñanza de Piornedo fai un enorme esforzo económico para manter este Ben de Interese Cultural, o único apoio que reciben provén do BNG desde a Deputación de Lugo. "O Goberno galego non aporta nin un só euro desde fai unha década", concluíu a deputada.
A parlamentaria do BNG fixo tamén un recordatorio de que foi o Goberno do Partido Popular quen, en 2010, suprimiu a liña de axudas anual para o mantemento dos teitos das pallozas, o que agrava a situación de conservación deste patrimonio único.