O BNG fonsagradino denuncia a falta de planificación na instalación da fibra óptica

O Bloque Nacionalista Galego na Fonsagrada denuncia a falta de planificación, información e respecto á veciñanza na actual instalación da fibra óptica no concello.
A fibra está a instalarse sen consenso coa veciñanza, con trazados que, aínda contando con autorización, resultan pouco claros e sen ofrecer información previa á veciñanza. Ademais, moitas persoas que levan meses solicitando o servizo ven como a instalación pasa por diante das súas casas sen que se lles dea resposta nin se lles conecte á rede.
Por estes feitos, desde o BNG esixe ao goberno municipal que actúe e non se limite a mirar para outro lado, polo que propoñen que vixíe e esixa responsabilidades ás empresas instaladoras.
Máis tamén, que traslade ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia a mala xestión do despregamento, esixindo solucións urxentes para que o despregue coa conexión efectiva da fibra óptica, que poña solución nas comunicacións e non supoñan máis atrancos para as persoas e as empresas do territorio.
A concelleira do BNG, Rosa Rego, advertiu que "non podemos permitir que un servizo esencial para a vida no rural se instale con improvisación e desprezo pola veciñanza; é inadmisible que familias e empresas levan meses agardando e queden sen resposta, mentres ven pasar o cable por diante da súa porta".
Rosa Rego tamén instou ao goberno local a asumir a súa responsabilidade "O goberno municipal non pode ser un convidado de pedra, ten que liderar, supervisar e defender os intereses da Fonsagrada diante das empresas e das administracións competentes".
Para rematar, a edil nacionalista subliñou que "a fibra óptica é unha infraestrutura básica para fixar poboación e desenvolver a economía local, a súa implantación debe facerse con planificación e transparencia”.