O BNG denuncia a falta de servizo de pediatría na Fonsagrada, Baleira e Castroverde

O BNG denuncia a falta de servizo de pediatría nos concellos da Fonsagrada, Baleira e Castroverde durante os meses de febreiro e marzo, unha situación que afecta ás familias da zona e que, segundo a concelleira Iria Castro, evidencia a “falta de planificación e recursos” no sistema de saúde público.
O luns 10 de febreiro, as familias destes tres concellos descubriron que non podían pedir cita para pediatría nin en febreiro nin en marzo, sendo derivadas á atención primaria (médico de cabeceira) ou directamente ao PAC (Punto de Atención Continuada) do Sagrado Corazón.
“As alternativas que se propoñen ás familias non son válidas”, denunciou Castro, subliñando que os médicos de cabeceira non son especialistas en pediatría e que, ademais, algunhas familias se ven obrigadas a desprazarse ata 60 quilómetros para acceder ao servizo de pediatría no PAC.
Esta non é a primeira vez que se produce unha falta de servizo. En xaneiro, durante as vacacións de Nadal, o servizo de pediatría tamén estivo ausente durante dúas semanas, e, segundo o BNG, o SERGAS leva anos sen cubrir vacacións nin baixas de pediatras na zona.
A concelleira nacionalista remarcou que a escaseza de pediatras é “a punta do iceberg” dun sistema de saúde que opera ao límite, onde a falta de persoal sanitario afecta a calidade xeral dos servizos. A sobrecarga nos centros de saúde e nos PACs, xa de por si saturados, agrávase coa derivación de pacientes de tres concellos a un único centro, o que aumenta as presións sobre un servizo xa colapsado.
"Desde o BNG denunciamos que a Xunta de Galicia está creando unha sanidade de segunda para as persoas do rural e exiximos que se cubran tanto as baixas como as vacacións", afirmou Castro, destacando a necesidade de garantir unha sanidade pública e de calidade, independentemente de onde se viva.